Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O governo arxentino dá un paso atrás

    SEGUNDO Claudio Lozano, prestixioso economista de esquerda, até hai pouco director do Banco Nación, e membro de Unidade Popular, unha forza integrada na Fronte de Todos, o cambio de titularidade no Ministerio de Economía implica un xiro á dereita do governo progresista de Alberto Fernández. O novo ministro Sergio Massa, antes presidente da Cámara de Deputados/as, e líder da Fronte Renovadora, tamén integrante da FdeT, representaría a liña máis próxima ao empresariado e aos Estados Unidos.

    Sen dúbida nesta decisión do presidente arxentino incidiu unha inflación desbocada, que atinxe o 71% anual, unha taxa de pobreza do 37-40%, e a presión do FMI, co que durante o governo de Mauricio Macri o país adquiriu unha débeda impagábel (44 mil millóns de dólares). O PIB medrou no ano 2021 un 10,3% e no primeiro trimestre de 2022 só un 0,9%, e a taxa de desemprego atinxe o 11%.

    Polo tanto as eivas e atrancos a solucionar non son poucos e os retos non se poden minusvalorar. Ademais no ámbito electoral vanse realizar as eleccións primarias das PASO en agosto de 2023, previas as eleccións presidenciais e lexislativas. Proceso no que a FdeT parte non só xestionando un contexto complexo e preocupante, pola perda de valor dos salarios e pensións (que as actualizacións non compensa), senón porque ademais se suman os malos resultados electorais de medio mandato (novembro 2021) nos que o FdeT (34,56%) ficou por detrás do partido de Macri (Juntos por el Cambio) que acadou un 42,75% dos votos.

    Foi unha derrota para Alberto Fernández aínda que o gañador perdese un millón de votos respecto das eleccións presidenciais de 2019, ao que hai que sumar o aumento da abstención. Ou sexa, resulta evidente que existe un forte descontente co FdeT máis non un cambio favorábel ao macrismo. Ademais, cómpre engadir a esta situación complexa para o FdeT o que semella unha nova xudicialización da política para mudar a vontade popular, xa que a fiscalía acusa de corrupción á vicepresidenta Cristina Fernández, figura cun gran peso nunha parte moi grande do “peronismo”, e para a que solicita 12 anos de prisión.

    Daniel Campione, historiador e politologo, valora nun artigo o cambio en economía, que: “constitúe unha rectificación de rumbo cara o axuste fiscal (...) acumúlanse así as evidencias do xiro á dereita do governo do FdeT, e unha mostra máis da claudicación de Cristina Fernández (CFK) e dos/as dirixentes que lle son afíns. Todo amosa que na espera de que Sergio Massa os “salve” da crise que lles fixo temer a desfeita do consenso que, malia os acontecementos, mantén cun sector importante da povoación”.

    Esta analista responsabiliza no xiro tanto ao Presidente como a CFK, ou sexa, segundo Campione, sería unha decisión consensuada polas principais forzas do Fronte de Todos, superando as diverxencias, mesmo públicas, previas.

    A crise na Arxentina, e tamén noutros países que se atopan nunha situación política moi semellante, amosa até que punto lograr o poder institucional non é hoxe abondo para realizar cambios económicos e sociais que melloren as condicións de vida da maioría, mesmo en países ricos en materias primas, dado que o sistema tende a centralizar e concentrar máis que nunca, ou sexa, empurra pola desigualdade, tanto no ámbito territorial como entre clases sociais.

    Daquela que, como mal menor, afirma Campione, o Governo ten ademais da meta de rebaixar a inflación ten en consideración: “destinar algúns recursos para os traballadores e pobres antes das eleccións de 2023”. Sona todo a copia das políticas da socialdemocracia europea, coa diferencia de que está última conta coa vantaxe, en moitos países, que estes teñen un papel menos subordinado na cadea de valor, e mesmo algúns exercen o subimperialismo.

    O economista arxentino Julio Gambina, tamén reflexiona respecto das respostas a estas eivas e atrancos e propón un debate integral, o contexto e as solucións, ou sexa: “sobre que país, que política, que economía, que modelo de produción, como son as necesidades da povoación sen subordinar a vida cotiá ás demandas do poder económico local e global”. É unha proposta acertada, cómpren propostas estratéxicas.

    A clave está en definir con claridade obxectivos, etapas e folla de ruta, en socializar o proxecto, en organizar e mobilizar, disputando a rúa a conciencia política. Trátase de gañar en participación e protagonismo. Trátase en modificar a correlación de forzas, e para iso non abonda con ter máis votos e gañar eleccións, aínda que sexa esencial facelo. Este é un debate que esta pendente na esquerda de todo o mundo, que debe aprender do seu pasado, do positivo e do negativo, mais teorizar para o presente analizando criticamente a realidade.

    01 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito