Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O “imos indo” como problema

    “... IMOS indo”. Esta é, sen dúbida, a resposta “máis galega”, porque é a que máis damos. Unha resposta retórica, pero tamén filosófica, existencial, que nos define moito mellor cá morriña, porque obedece a un pobo envellecido, que pasou tantas que xa se afixo a “ir tirando”.

    Unha resposta que nunca dará a rapazada nin tampouco a mocidade. Porque o grande problema galego é a pirámide demográfica, co seu peso abafante no comportamento electoral.

    Sempre nos levan tarde, mal e arrastras. O exemplo pode ser o famoso AVE. Aínda non chegou despois de 35 anos da primeira data fixada. O mesmo nos pasou coas autovías. Ou co primeiro tren.

    E agora o PP promete unha planta de hidróxeno, que, casualidade, era un proxecto presentado por un exdirixente de UCD afincado en Madrid, cando o plano eólico do Bloque, que Feixóo botou abaixo con maña. E que dicir do Banco de Terras? Lémbranse da propaganda do PP espallando que lles querían roubar as terras aos veciños, e que agora asumen como algo seu, e promete Gonzalo Caballero.

    Con esta pandemia existe un grande consenso social sobre a necesidade de mellorar a asistencia ás persoas de terceira idade e aos dependentes. Poucos se lembrarán que era outro dos planos estrelas do nacionalismo, disposto a inzar Galiza de residencias públicas. Co PP chegou a privatización e pasou o que pasou.

    O problema é o tempo perdido, que as reformas e os cambios necesarios sempre veñen con retardo. A autonomía non serviu para gran cousa. Porque aquí non só seguiron gobernando as mesmas forzas políticas que o fan no Estado, senón que defenden idénticos intereses que, invariabelmente, pasan polos da oligarquía española que non mudou nin co franquismo nin coa Restauración Borbónica.

    Pero o aquel non está tanto nos que pensan que non hai outro remedio que o de “ir tirando”, senón nos que se “deixan ir” e non botan.

    “Un paso adiante/e outro atrás Galiza”..., que escribiu Díaz Castro. Pero Rosalía arengou: ¡Arriba! / todas, rapaciñas do lugar /... ¡Arriba! / ¡Arriba, toleirona mocidade!

    26 jun 2020 / 23:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.