Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O meu amigo detective

    O martes, tomando unha cervexa nunha terraza, na mesa do lado sentou un home cun xersei negro que levaba a frase Made in the street gravada na parte de atrás. Debaixo deste había un debuxo dos cinco continentes e a primeira palabra estaba escrita coas letras ao revés como se estiveran reflectidas nun espello.

    Mentres meus amigos falaban de cousas nas que parecía que lles ía a vida, durante uns minutos meu pensamento voou á última conversa que tiven co meu amigo Franc nesa mesma terraza hai un mes. Aínda que Franc é detective privado, o seu traballo non consiste en facer de James Bond ou Sherlock Holmes vivindo grandes aventuras, senón cousas más triviais, como casos de infidelidade matrimonial, baixas laborais finxidas ou fraudes laborais.

    O seu favor xoga que en moitos casos o custo dos seus informes se inclúe dentro dos gastos que ten que pagar quen perde o xuízo; e en contra que as veces, levado polo prexuízo psicolóxico propio da súa profesión, ve todo dende un prisma moi especial. Como cando un día que faciamos cola nunha farmacia e vimos a un home, unha muller e a unha moza bronceados, xunto a outra de tez branca, e díxome: esta é unha Erasmus porque todas fan o mesmo tipo de xestos e teñen a mesma estatura; de non ser así, podería ser unha amiga.

    Ser detective privado, como sucede coa maioría das profesións, conforma a personalidade dun xeito moi acusado. Tanto que fai que a persoa vexa as cousas dende unha determinada perspectiva sen decatarse.

    Probablemente por isto, sen propoñérsollo, Franc sempre está analizando e rexistrando todo o que sucede o seu carón. Non sexa que aquilo se acabe convertendo nun caso que terá que escudriñar e, cando teña que facelo, xa sexa demasiado tarde.

    Por sorte hai veces que a súa actitude ante a contorna está en modo descanso e pode relaxarse un pouco. Como cando utiliza o seu móbil para facer fotos de todo o que se move por pura distracción para subilas a instagram. Xa se trate de persoas que considera que visten dun xeito singular, levan o pelo pintado de sete cores ou utilizan un bastón que se sae do común. Isto lle enorgullece porque, como me contou, chegou a ter máis de 25.000 seareiros nas redes sociais, o cal non é pouco.

    Cando Franc practica este hobby non corre perigo de que os fotografados se decaten do que está a facer, porque –como me contou– leva lentamente o móbil á orella como se fora a chamar co son apagado para que non faga click e así non levantar ningunha sospeita.

    O malo é cando meu amigo detective está en modo profesional. Aí cambia todo e, cando se pon en plan Hércules Poirot ou Comisario Montalbano, o mellor é non quedar con el en para nada.

    20 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito