Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O mito de Feijóo

    COMO neste ano electoral o noso Feijóo (político) vai ser moi protagonista, convén avaliar as súas posibilidades de subida ou caída polo método daqueloutro noso Feijoo (benedictino), especialista en mitos e supersticións. Aquí cada galego cultiva a súa lenda, e don Alberto tamén chimpou do palco da política galega ao ruedo da española armado das súas épicas. A primeira é o mito das catro-maiorías-absolutas, cuxo impacto heroico quedaría un pouco rebaixado se recordásemos as súas orixes: o (tristemente) célebre Goberno Tripartito xurdido dunha moción de censura contra o presidente Albor no outono de 1987, na que se malversaron votos da dereita en favor do PSdeG-PSOE mercé ao que se chamou a gran “felonía” (palabra documento daqueles días obscenos).

    Daquilo naceu un executivo rexeitado polo sentido ético de boa parte da masa electoral galega, que no seu inconsciente colectivo foi invocando a figura dun político reparador. En política cada fenómeno bruto contén os elementos que darán nacemento ao seu contrario, de xeito que chegou don Manuel Fraga e mandou parar. A verdade é que sen a memoria histórica do Tripartito non se entende case nada da política (nin da politoloxía!) galega dos últimos corenta anos porque, aínda que poida parecer un episodio de palleiro, este fenómeno debería ser estudado polo mundo adiante nas máis altas facultades e escolas de ciencia política.

    E é neste punto onde enfía a mítica de Feijóo, por se ter beneficiado da forza da ética do desencanto do pobo, da súa longa náusea, que repugna a memoria das felonías e prevé o perigo da “politicagem de barulho e trapalhice”, como diría un portugués (ou un brasileiro neste momento), ditando maiorías absolutas a eito e colleito.

    As enquisas de aldea preguntaban á paisanaxe por que votaba por Fraga (ou por Feijóo) e ela respondía: “Porque nunca roubou nada”. Que rara sabedoría a dun pobo que seica non falla en saber onde está un home que nunca roubou nada. Que singular estrutura mental/electoral do galego, tan pouco complexa ela. El vota –por instinto– a favor da ética prefigurada, se cadra sublimada. El vota por un galego coma ti: feo, honrado e sentimental, e só cando se extravía pode votar (dito tamén en paráfrase do trípode de Valle-Inclán) por un galego feo, felón e fantasmal.

    Feijóo –á parte de ser un “bo xestor”– é unha sublimación electoral afectiva (e efectiva) da vixilancia ética do pobo, e as heroicas catro-maiorías-absolutas que os galegos lle deron non fan un mito (só son un mimo). Por iso este ano de tanta superstición electoral, Feijoo (o benedictino) aconsellaría propoñer menos mito e máis realidade.

    Porque por España abaixo as maiorías dun político galego descóntanas coma os lobos de Caperucita.

    13 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito