Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O monopolio da represión

    ENVOLVE a trapallada e a mentira, envolve e envolve sen parar, coa intención de ocultar os feitos que quere converter en invisibles. Para disimular gasta, papel groso, florido e con cores fermosas, con raias e con cadros, con rombos e con triángulos debuxados. Nada, dentro non hai nada máis do falado. É un empaquetador profesional, con salario e con coche oficial, con escoltas ao seu gusto, con procesos en marcha lenta e con retrocesos galopantes. De seguir o ritmo, a onde irá parar el e os seus? Escuridade plena, negrura na casa, na casona, na tenda de campaña e nas casas da veciñanza, nos chalés das amizades e dos parentes.

    Meu amigo, demora, observa e pensa! Podiades pensar, tu e os teus, el e os seus e tódolos outros. Nós, tamén. Podiades pensar –dicimos– no porvir da xente que nos rodea, da xente humilde e traballadora, da xente honesta, desa con acreditada solvencia e con enorme bonhomía.

    Pensar e repensar o pensado axuda a avanzar nas conquistas sociais, na loita diaria e necesaria (imprescindible) para frear o ímpeto dos poderosos, que todo o poden e todo o queren, independentemente da súa fasquía, e que, como dicía José Luis Sampedro, “son insaciables”.

    Nos tempos novos xa todo é diferente e o cambio segue na súa traxectoria, como se quixese destruílo todo, ferir e maltratar á humanidade, favorecer o illamento e a desconfianza entre a xente, esborrallar os sistemas educativo, produtivo e sanitario para despois cantar La marimorena. Agredir con armas contundentes ao Medio Ambiente, con incendios brutais, violentos e criminais; interpretar e entender o que din os adversarios como unha mentira. Saír fóra da realidade e desprezala, para complicala e evidenciar que non interesa.

    O cambio sempre se interpretou como un paso para adiante, pero cambio sobre o cambio pode ser varios pasos para atrás. Aínda que, como vostedes ben saben, cando alguén retrocede, outros dan zancadas para chegar antes. A onde irán? Seguramente procuren o monopolio da represión en tódalas formas de exercitala. Se é co poderío dos grandes e coa autorización do Estado, mellor que mellor. Diante de tanta inxustiza, a Tía Manuela recomenda precaución e prudencia no falar e no facer de todos, daqueles que seguen na vella política e dos que, polas súas razóns, elévanse ou volven rapidamente a ela”. Aí estamos.

    26 ago 2020 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.