Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Muíño de Miguel

Cunqueiro definiu a Galicia coma “o País dos Mil Ríos”. E é verdade. Como tamén que somos a terra dos vieiros, eses carreiros estreitos e con frecuencia revirados; de subidas e baixadas; labrados paso a paso no transcurso do tempo. Son rutas que conducen ao monte, á aldea, ao río, ao peto de ánimas, ao mar, á leira... Ás veces a ningures.

Hoxe o noso vieiro percorre unha das rutas do Tambre, entre a praia fluvial de Tarroeira, no concello do Pino, e o Muíño de Miguel. Ten un percorrido curto, de apenas 11 km, que acompaña ao lento paso do río, por zonas de bosque e prados, nunha fermosa sucesión de sons, cores e silencios. Sobre todo silencios, dos que tan necesitados estamos nesta sociedade de presas e ruídos. Un silencio que se ve magnificado polo suave murmurio da auga e o abalar das ramas aloumiñadas polo vento.

De cando en vez, algunhas aves fluviais da zona (garza real, corvo mariño real) que repousan ou se alimentan no río, levantan o voo asustadas pola presenza do intruso que racha a súa tranquila soidade. E tamén de cando en vez aparecen restos da nosa sociedade industrial: plásticos, rodas, vidros, electrodomésticos...

Algúns troncos das árbores da ribeira (ameneiros, carballos, salgueiros...) repousan na beira do río ou agardan unha enchente para seguir sendo arrastrados, ata quedar varados entre os ollos dunha ponte e o transcurso do tempo certifique a súa destrución. Mentres as árbores que sobordan vida, acubilladas nas beiras, ou incluso dentro do mesmo río, inclinan os seus troncos, en sinal de amizade e pleitesía, cara a auga que lles permite a súa existencia. Pero aínda que xunto ao río segue a ser a vexetación autóctona a máis abundante, tamén o eucalipto está a invadir esas zonas que deberían ser exclusivas do bosque caducifolio.

O muíño, xa restaurado, amosa unha tranquila existencia, lonxe dos atarefados tempos pasados. A aparición dos muíños de auga dos ríos parece estar vinculada, no século XI, aos mosteiros. A meirande parte dos muíños actuais proveñen dos séculos XVII- XVIII. O catastro do Marqués de Ensenada (mediados do XVIII) rexistra uns 30.000, o que fai supoñer, por razóns obvias, que eran moitos máis. Atrás quedaron contos e lendas; o lento e monótono tó-co-to do tarabelo, son ao que estudos etnográficos recentes vinculan co compás de seis por oito, característico da muiñeira. Atrás quedaron os sacos de fariña no pousadoiro; os bicos agochados; a charla distendida no solpor; as cantigas e bailes populares ao seu redor. Á beira do muíño, vennos á memoria os milleiros de muíños, abandonados nos regatos e pequenos ríos do noso país que están a durmir sepultados, en case todos os casos, polo peso dos anos e a maleza que os rodea; tendo como única compaña a auga e as silvas. Tamén ollamos nel a historia dun dos elementos etnográficos máis característicos da cultura galega tradicional (xunto ao cabaceiro e o cruceiro) símbolo en tempos pasados de desenrolo económico e relacións sociais. Centos de refráns e cantigas naceron e medraron ao seu carón: Andando gaña o muíño, que parando está perdido.

No muíño fan cantigas, no muíño fan concellos, no muíño fanse amores, e contan contos os vellos.

Unha noite no muíño,

unha noite non é nada

unha semaniña enteira,

esa si que é muiñada.

Aunque me veas casada

non me perdas lo cariño,

Que podo quedar viuda

E mais casarme contigo.

Miña nai paréume e casóume.

Miña nai paréume e casóume.

Ven aquel barballoteiro

e levoume.

26 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito