Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O mundo do suicidio

    “FINOU porque da boca soprou”. Así dicían nas terras de Ferrolterra cando alguén se suicidaba. A culpa seica era do vento que entraba pola boca da ría, un vento do sur. Así o recolle Xaime Quintanilla no seu libro El Complejo mundo del suicidio (1994). Un estudo que se adiantou mesmo aos da OMS.

    O ex alcalde do Ferrol dáballe moita importancia aos aspectos climáticos, desde o vento, ás néboas ou a chuvias, para explicar que na Galiza existisen moitos máis suicidios que noutras partes do Estado. Arrecantaba nese “complexo mundo”, os aspectos sociais. Algo que aínda sucede hoxe na maioría dos estudos e nos planos de prevención que anuncia a Xunta. Nunha reportaxe que realicei daquelas, na que falaban varios especialistas na materia, xa rebatiamos as teorías do forense Quintanilla. Lémbrome que anos antes, sendo estudante en Madrid, nun seminario en Socioloxía, cando afirmei que tanto o alcoholismo como os suicidios tiñan que ver moito coa emigración, armouse unha forte discusión.

    Aínda hoxe non se segue a relacionar os efectos da emigración cos suicidios. Cando andaba a documentarme para escribir a novela “Ausentes”, puiden constatar como moitas avoas se suicidaran, ou ficaban “mal da cabeza”, cando os seus fillos/as regresaban da emigración e lles sacaban os netos/as que elas criaran e coidaran.

    Porque os suicidios son un problema sanitario, pero, sobre todo, social: crise, soidade, abandono, precariedade, desarraigo; o caneiro do futuro atuado... Uns graves problema sociais que provocan esas mortes, moitas veces enmascaradas e que non saen á luz das estatísticas. Aínda así, cada día hai un suicidio contabilizado como tal en Galiza. Unha cifra que está moi por encima da media estatal e europea.

    A maior taxa de suicidios dáse entre os homes de 51 a 60 anos e nos meses de xuño e xullo, que non son os mais brumosos que dicía Quintanilla. Suicídanse (oficialmente) máis do dobre de homes ca de mulleres. A persoa máis nova aos 13 anos. A mais vella de 97.

    O Plan Galego de Prevención de Suicidio non atallou o problema, pois non vai ao fondo da cuestión.

    15 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.