Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O paro no conflito empresarial

    O feito de que a empresa capitalista poida ser tamén un sementeiro de conflitos e enfrontamentos non debe confundirnos. Se os empregados loitan polos seus dereitos, é por teren confianza no poder de holding (posesión, perténcea) do marco no que segundo agardaban e desexaban que os seus dereitos serían inscritos; confiaban en que a empresa era o lugar axeitado para resgardar os seus dereitos.

    Iso agora xa non é así, ou polo menos está a deixar de selo rapidamente. Cómpre ter en conta que polo regular ningunha persoa razoábel pode pretender botar toda a súa vida laboral ou grande parte dela nunha soa empresa. A maioría parece ser que tal vez preferirían inverter os aforros de toda a súa vida nos tristemente célebres fondos de inversión que xogan na bolsa ou nunha compañía de seguros denantes de contar coas pensións e retiros que a empresa na que traballan lles poida proporcionar.

    En verbas do académico e xeógrafo británico Nigel John Thrift (Bath, 1949) “é moi difícil depositar confianza en organizacións que ao mesmo tempo están a seren achicadas, reestruturadas e racionalizadas”. Por exemplo, cando o profesor da Universidade de Stanford da Escola de Postgrado de Negocios, afirma que “o traballo está matando á xente e a ninguén lle importa” non o di nun senso metafórico, dio tal cal con todas as letras baseándose nas investigacións que realizou ao longo de décadas tanto nos EU como no resto do mundo. Non hai dúbida que estamos nunha situación global moi crítica.

    Dende logo non fai falla demasiada imaxinación para se facer unha idea do incertas e fráxiles que se volveron as vidas daqueles que quedaron fora do mercado do traballo precisamente a causa de iso. A cuestión é que, nembargantes, e polo menos psicoloxicamente, todos os demais tamén se teñen visto afectados, anque polo momento só sexa de xeito nesgado. No mundo do desemprego estrutural ninguén pode sentirse verdadeiramente seguro. Os empregos seguros en empresas seguras resultan xa soamente nostálxicas historias de xente vella.

    Non existen tampouco habilidades nin experiencias que, unha vez adquiridas, garantan a obtención dun emprego, e no caso de obtelo, este non resulta ser duradeiro. Ninguén pode presumir de ter unha garantía razoábel contra ás reducións por crises, reestruturacións, cambios erráticos de demanda do mercado, competitividade... A flexibilidade é o slogan destes intres.

    As causas é preciso entendelas no contexto dunha vida, a alteración do escenario social no que a xente poucas veces leva adiante os seus asuntos, que se transformou radicalmente dende os tempos nos que os obreiros que enchían as fábricas de produción en masa cerraron filas para lograr condicións humanas máis gratificantes a cambio do seu traballo, tempos nos que os teóricos e activistas do movemento obreiro percibiron nesa solidariedade obreira o embrión aínda inarticulado (pero latente e á larga irrefreábel) do desexo dunha sociedade boa que encarnara os principios universais da xustiza.

    07 feb 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito