Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O proceso vital da liberdade

    PASADO xa o 40 aniversario do 23 F, e vistas algunhas declaracións, poses e actitudes, dalgúns políticos e membros do Goberno, poderiámonos preguntar que fosilizada interpretación ideolóxica, que pretensións de mediocre protagonismo podería ser quen de inverter a percepción que temos da evolución do noso país e non comprobar a necesidade evidente dun novo discurso capaz de aportar respostas acaídas á nova realidade social, en lugar dunha xestual actuación que non aporta solucións e máis ben agrava e fractura a percepción negativa que temos de tantos representantes do Goberno do Estado.

    Fai 40 anos decidimos que o dereito a sermos libres era preciso defendelo entre todos, todos os días, individual e colectivamente. Por iso, xa o teño manifestado moitas veces, é tan importante a seriedade das institucións e dos membros que as integran, así como o seu rigor e eficacia. Os gobernos e os partidos que os sustentan así como todos os partidos deben ser os primeiros en estar interesados en prestixiar as institucións que representan a soberanía do pobo, a soberanía nacional e a soberanía das nacións sen Estado.

    As persoas só poden acadar a súa plenitude existencial dende a liberdade, e construír a liberdade é un proxecto vital, aínda que para conseguilo teñamos que perder a vida. A liberdade de expresión é un dereito avalado pola nosa Constitución, máis non pode ser un escudo para todo tipo de iniquidades.

    Non deberamos esquecer as tristes imaxes do Capitolio. A deriva oportunista que estamos a ver en determinados individuos de certas formacións políticas nada teñen que ver coa defensa das liberdades que “prometeron” protexer. Resulta turbador escoitar determinadas declaracións ou silencios cómplices que estamos a ouvir e ver nestes días de furia desatada nas rúas por corruptos sociais.

    Entrampados nas crises que teñen xurdido no pensamento humano occidental, fundamentalmente pola progresiva degradación dos sistemas políticos que se volven inadecuados e contrarios á realidade vital e espiritual dos nosos días, alterando as nosas conductas e levando aos individuos a vivir unha realidade transformada onde a mera existencia hedonista e egocéntrica, sen sinais culturais conscientes nos abocan á insolidariedade e á aproximación oportunista ao poder.

    O porvir é unha consecuencia da acción de todos, e debe levarnos cara ó progreso sendo sempre nós mesmos, aínda que haxa diferentes e encontradas propostas para logralo. Pero ese futuro debe ser elixido en liberdade por todos e cada un de nós e debemos ser capaces de compartilo co resto da sociedade, só así poderemos acadar as nosas metas sen demagoxias nin autoritarismo, só entendemento e democracia, nesta dura carreira polo progreso.

    Inmersos como estamos nunha pandemia global, que afecta á sociedade e que ameaza con destruír a nosa forma de vida, o que realmente queremos dos nosos políticos son solucións para os problemas que nos acurralan e eficacia na xestión das medidas que se deben tomar.

    07 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito