Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O sete belo, a taberna con dous bos futbolíns

O Sete Belo era unha das primeiras tabernas do comezo da rúa do Franco, vindo da Porta Faxeira. Foi, durante moitos anos, lugar discreto de reunión da mocidade xa que o local tiña dous espléndidos futbolíns onde se xogaban desputadas e alborotadas partidas, de alta voltaxe ó longo de todo o día.

O ruído metálico das barras, o rodar velocísimo da bola e as voces dos xogadores enchían de alegre tintinar a penumbra do local. A tasca tiña escasa parroquia. Eran rapaces do instituto e mozallóns universitarios que gastaban as horas arredor do futbolín, entretidos en meter furibundos goles.

Aparecía, de cando en vez, o pintor Villafinez que monologaba co dono, que botaba o día pasmado ante as páxinas do diario local. Eu cheguei a pensar que o tiña como reclamo pero que non sabía ler. A taberna era longa e estreita, con tres ou catro mesiñas, arrimadas á parede e sempre baleiras de clientes no centro do establecemento.

A fúnebre grisura do local disipábase ó fondo, onde estaba a emoción e a bulla. O Sete Belo mantíñase non polas “palomitas” nin polas cuncas de viño e outras bebidas espirituosas consumidas, senón do ingreso, peseta a peseta, que lle producían os futbolíns, dos cales estaba pendente todo o día, outeando tralo mostrador cuns ollos entre pampos e adurmiñados.

Desde as nove e media da mañá ata o peche arredor das dez da noite, a porta de cristal esmerilado non paraba de bater. Desde hora tan ceda había un fluxo de rapaces que facían cantar as bolas contra as xogadores metálicos das barras. Aula aberta dos que lataban, refuxio de emocións nas que as apostas baixo manga se disputaban nun ambiente alegre ensombrecendo logo o sorriso con que se principiaba o xogo.

Pola taberna desfilaban xentes varias. Había miróns habituais que se arrimaban polo local para desafiar ós inocentes, deixándolles gañar unhas partidas para logo desplumalos. Eran tafures que sabían latín para atrás. Pero endexamais presenciei unha liorta na que tivese que intervir o dono. Despois de xogar ó burro, a policías e ladróns, ó trompo e ás bolas, en terceiro ou cuarto de bacharelato pasamos a xogar as partidas no Sete Belo, converténdose nun cuartel xeral nos días fríos e chuviosos.

Non todos os da panda tiñamos a mesma disposición e habilidade no xogo do futbolín. Felitos e Moncho eran, sen dúbida, os mellores e cando formaban parella, eran imbatibles. A súa sona foi pronto recoñecida polos asiduos e moitas veces teñen xogado cando se achegaba por alí Pais, dianteiro do club Santiago, antigo alumno do instituto e logo internacional. Pais sempre viña acompañado cuns amigos algareiros e botaban unhas partidas recordando entre bromas a algúns profesores, sobre todo a lambida profesora Julita.

A súa soa presenza enchíanos de satisfacción por compartir unhas partidas con el, aínda que fósemos de simples miróns. Lembraba os tempos do Xelmírez e non facía máis que preguntar polo profesor que entraba pola porta comendo churros e por aquel outro que revolvía cun pincel un bebedizo nun cazo esportelado.

Un día que matabamos a tarde no Sete Belo, xogando unhas partidas, cerca das oito, Benito atopou no chan unha billeteira baixo dunha cadeira, onde amontoabamos as prendas de abrigo cunha desorde apocalíptica. Con disimulo, Benito meteuse no váter para mirar o contido, e se había tamén algún sinal que identificase ó seu propietario. Cando saiamos, nun aparte contoume o achado e díxenlle que llo dese a Daniel, o taberneiro.

Pero negouse de xeito rotundo, argumentando que puidese quedar con ela. Nas súas elucubracións eran sempre reviradas e as súas razóns estrañas. Había dous billetes, un de vinte e cinco e outro de cinco pesetas, unha foto borrosa dunha rapaza e un recibo para recoller un reloxo. O seu comportamento fíxome sospeitar pero non dei coa causa dese enredo mental que apuntaba.

Benito era moi relixioso e escrupuloso coas andrómenas súas. Tampouco lle dei máis importancia. El fora quen, antes do ingreso no instituto, co conto de que había futbolíns, billares, pimpón e moitos outros xogos de mesa, levounos á congregación mariana.

Feito que me costou un enfado co meu pai que non quería que estivese apuntado en nada. Miña avoa foi a que correu coa cota mensual, como regalo polas notas. Nos “estanislaos”, que tamén se chamaba así, batemos o cobre nos primeiros pasos no futbolín que, por certo, era moi bo.

Benito pediume que o acompañara ó reloxeiro para que nos dixera quen era o dono do recibo e facerlle entrega da carteira. Benito pensaba se podía ser de Pais, o xogador do Santiago e pedirlle, de paso, unha foto dedicada porque era un fan del. Pero non puido ser.

O dono era un empregado da Daviña. Benito quedou amoucado porque lle voara a ocasión de ter a foto de Pais.

08 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.