Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O terror sobre a Terra

    LÉMBRASEME, perfectamente, o meu artigo publicado o 8 de marzo do presente ano, neste entrañábel diario galego e cuarta cabeceira máis antiga de España, que xa titulaba Os medos ceibes na sociedade e no que se refería á crenza de que a modernidade ía ser un período da historia da humanidade no que quedarían atrás os temores que apresaban a vida social e os seres humanos poderiamos controlar as nosas vidas e dominar as imprevisíbeis forzas do mundo comunitario e natural. Traxicamente, en troques, xa no alborexar deste s. XXI, despois daquel artigo, volvemos vivir unha arrepiante época de medos, doenzas e falecementos nunha aterradora pandemia de expansión global.

    A destrución violenta da vida e da propiedade a consecuencia dunha guerra, o continuo esforzo e a alarma provocada por un estado de perigo sostido, levarán –segundo o político estadounidense Alexander Hamilton da época de Washington– ás nacións amantes da liberdade, a procurar o repouso e a seguridade poñéndose en mans de institucións con tendencia a minar os dereitos civís e políticos. Para estar máis seguras correrán o risco de ser menos libres. Unha profecía que agora está a se cumprir.

    Xa no mundo, o medo desenrólase cunha forza e unha lóxica autónomos e require moi pouca atención ou aportacións adicionais para medrar e se estender de xeito imparábel. No dicir de David L. Altheide, o crucial non é o medo ao perigo, senón o grao de expansión que o medo pode adquirir, e en que se pode converter. A vida social cambia cando as persoas viven resgardadas, contratan vixiantes, conducen vehículos brindados, levan botes de aerosol defensivos e pistolas e acoden a clases de artes marciais. O problema é cando tais actividades reafirman e contribúen a acrecentar a mesma sensación de caos que estes actos intentaban previr. Os medos incítannos a emprender accións defensivas. Unha vez comezada, toda acción defensiva aporta inmediatez e concreción ao medo. É a nosa resposta a que transforma os nosos presaxios sombrizos nunha realidade cotiá heterónoma.

    Na actualidade, o medo instalouse dentro e satura nosos hábitos cotiáns; se apenas precisa máis estímulos externos é porque as accións ás que lle dá pé subministran toda motivación e toda a enerxía que precisa para reproducirse. Dos mecanismos que aspiran cumprir co soño do movemento perpetuo, a autorreprodución que este inspira parece ocupar un posto de honor. Quizais o que caracteriza nestora aos medos nas variedades humanas, anteriormente vividas, sexa a desunión entre as accións inspiradas polo medo e os estremecementos existenciais que xera o medo que inspirou esas accións. Noutras verbas: o desprazamento do medo dende as fisuras da condición humana, nas que o destino nace e se incuba, cara áreas vitais case sempre desconectadas da fonte orixinal da ansiedade.

    E nesta persistencia dos medos na sociedade global á que me teño referido afírmase hoxe, por exemplo, á do pánico á praga do coronavirus por toda a aterrada humanidade.

    11 oct 2020 / 00:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.