Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O verso libre das nosas letras

    “ESCRIBIR, para min, é un acto de liberdade”. A poesía como linguaxe e a liberdade como máxima, así pasou Xela polo mundo. Valente, transgresora e teimuda, no mellor sentido do adxectivo. Alquimista das verbas, as mesmas que agora se poñen de gala por ela. Xela pasa a formar parte do, de momento, quinteto de mulleres ilustres por excelencia das nosas letras, primeiro foi Rosalía, despois chegaron Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno e agora Xela, que distintas e que imprescindibles todas elas.

    A escritora sen xeración, a muller discreta e de ton tímido. Muller e nova nun mundo de homes, un atrevemento naqueles tempos, onte coma quen di, pero onte ao fin e o cabo. Hoxe Xela segue a ser un sopro de aire fresco, 16 anos despois de marchar. A malabarista da lingua rompe esquemas como xa o fixo no seu día e abre as fiestras da academia contaxiando a súa modernidade. Xela entra no elenco de figuras homenaxeadas e eu imaxínoa a ritmo dos seus venerados Lou Reed e Patti Smith, facéndose oco entre os outros nomes distinguidos na historia do 17 de maio, Xela, senlleira coma ela, ilustre como eles.

    Sempre disposta a experimentar co idioma, a fracturalo e mesmo a reinventalo, sen límites, sen prexuízos, consciente de que unha cultura pétrea ou inmóbil está ferida de morte e, nas súas propias palabras, “vencerse é cousa de se tratar”.

    Feminista e precursora, neste rexistro denunciaría en varias ocasións o sesgo ó que se viu condenada a súa poesía: “Só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega”, reaccionando deste xeito ante a posibilidade de que ser muller definise e limitase o alcance e a percepción da súa literatura, do mesmo xeito que ninguén suxeriría catalogar a súa obra na categoría de poesía de miopes. Unha denuncia que facía ao tempo que deixaba clara a súa defensa do protagonismo das mulleres en pé de igualdade, como creadoras, como poetas, en definitiva, como persoas.

    Pero este 17 de maio non é recoñecida unicamente a poeta... É, por encima de todo, un recoñecemento ao seu amor pola lingua, o mesmo que a levou a querer dotala dun capital simbólico a través da súa labor como tradutora e editora, metódica e insistente, mesmo enfrontándose a críticas, xuízos alleos e ruído.

    Non tiven ocasión de coincidir nunca con Xela a pesares de compartir con ela vila natal. Coñecina despois de partir, cando xa era eterna. Cheguei a ela fai uns anos a través da súa obra, da súa obra e do seu legado. No hipotético caso de ter coincidido posiblemente teríamos diferido en moitos pensamentos e coincidido noutros, o normal.

    Por riba de todo, o corpo pedíame esta homenaxe en forma de artigo de opinión, dende o respecto pola liberdade e independencia que profesou, dende a admiración ao seu xeito de amar e comprometerse, á súa coherencia e á súa honestidade, hoxe, a piques do gran día, de Sarriá a Sarriá, parabéns Xela.

    13 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito