Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Odios e prexuízos... ao lume!

    O San Xoán é época de renovación e de tradicións. O efecto purificador do lume coas cacharelas; o da auga, cos cachos de herbas aromáticas; as sardiñas e o pan de millo. Nun mundo onde avanzan correntes como o veganismo e os produtos naturais e bio sobre todo no eido gastronómico e da alimentación pero tamén no ámbito da cosmética e da beleza, son moitos os galegos e galegas privilexiados que coñecen, difunden e conservan o marabilloso tesouro das herbas máxicas. Sabemos dos poderes das nosas plantas aromáticas e medicinais. Apreciamos a dixestiva e relaxante herba luísa, os poderes antibióticos do ourego, a capacidade tonificante e antiinflamatoria do romeu, o poder cicatrizante do áloe vera, as propiedades antibacerianas da salvia...

    Así que, tras cumprir coa tradición de saltar o lume de San Xoán, para que non nos trabe nin cóbrega nin can; de comer as sardiñas que polo San Xoán mollan o pan; e de lavar a cara coa flor da auga do 24, nesta ocasión, a aquelas persoas que vivan en Santiago ou preto, propóñolles tamén visitar e/ou asistir á inauguración, por segunda vez, da exposición da Alameda promovida co gallo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas o 20 e que organizou a Concellaría de Asuntos Sociais a través da Unidade de Atención ás Migracións, en colaboración coa Rede Galega de Apoio ás persoas refuxiadas. E digo, por segunda vez, xa que algúns dos paneis que recollían os nomes de 40.555 persoas migrantes falecidas apareceron esnaquizados.

    Tanto a Rede como o Concello condenaron o ataque dicindo que “é unha mostra máis da efectividade das campañas de odio artelladas con mentiras e desinformación”. Porén, sen negar o feito de que existan tales campañas promovidas desde o odio ao que vén de fóra ou ao que é diferente, e concordando na necesidade de sensibilizar a sociedade sobre a realidade dos refuxiados, quero crer que a desfeita é un exemplo máis de vandalismo, tamén inxustificable, que se suma, por exemplo, ao ataque ás figuras mitolóxicas do monte Viso ou ao roubo dos cabalos de madeira instalados polo San Martiño en distintos puntos do Concello de Teo.

    En fin, saltemos o lume un número impar de veces, queimemos prexuízos, deixemos atrás o que nos fai dano e a quen nos impide sacar o mellor de nós mesmos; lavemos a cara coa auga das sete fontes para beneficiarnos dos poderes do hipérico, do limoeiro, da nogueira, da menta, do milicroque, do fiúncho, da roseira... e involucrémonos, na medida do posible, coa nosa contorna para conseguirmos un mundo mellor.

    25 jun 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito