Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Oito mil millóns de seres humanos

ESTE é o número de habitantes ao que chegou este planeta no pasado mes de novembro. Unha cifra redonda que nos alerta do que posiblemente sexa o máis importante problema que temos nesta terra, superior, na niña apreciación, ao do cambio climático e ao de calquera outra degradación do noso ambiente pois, en definitiva, estas últimas cuestións van ser, en boa medida, consecuencia desa superpoboación que, á súa vez, vai depender duns ritmos de crecemento vexetativo que, aínda que se están a atenuar desde a década dos sesenta do pasado século, con toda probabilidade nos levarán aos dez mil millóns de habitantes no ano 2050, e ata o próximo século, non comezarán a diminuír.

Todos estes seres humanos, poboadores do planeta terra, non serían un problema se puideran ter un nivel de aproveitamento dos recursos que permitise unha vida cun certo nivel de benestar e, sobre todo, cunha alimentación abonda. Isto está moi lonxe de ser unha realidade, pois o informe da FAO para o ano 2020 (o último publicado) nos advirte de que son máis de 800 millóns de persoas as que padecen auténtica fame e que se achegan aos 3.000 millóns as que non poden gozar dunha dieta minimamente saudable. Se as tendencias dos últimos anos nos demostrasen que estamos encamiñados cara á resolución do problema, aínda poderiamos ser moderadamente optimistas co noso futuro, pero a realidade amósanos que despois dun período no que a fame no mundo estaba a diminuír, houbo unha estabilización desta tendencia a partir do 2014, e un moi serio incremento dela a partir da pandemia da covid-19 que non se fixo máis que agravar pola crise de abastecemento de cereais provocada pola guerra de Ucraína.

Por outra parte, é un dato sobradamente coñecido que estas carencias se concentran nos países do terceiro mundo, nomeadamente en África e Asia, polo que este desequilibrio só podería correxirse cunha decidida axuda das nación ricas ao seu desenvolvemento, para as que se está a demandar, desde hai xa bastante tempo, que dediquen a estes fins, cando menos o 0,7 % do seu producto interior bruto, cifra que só un escasísimo número de países (Dinamarca, Suecia, Noruega, Países Baixos e Reino Unido) está a cumprir, xa que o resto anda por un miserable 0,3%. Aínda máis, desde os anos noventa do pasado século, as achegas privadas ao desenvolvemento están a superar as públicas, o que debería sacar as cores aos estados deste mundo civilizado, que tantas veces están a facer un deshonesto alarde destas cativas axudas humanitarias.

Estas accións, que decididamente deberán incrementarse nos próximos decenios, se queremos facer fronte de verdade a este apremante problema, terían que dirixirse prioritariamente a mellorar a capacidade produtiva de alimentos do planeta que, segundo determinadas e cribles avaliacións, podería medrar, se as cousas se fan ben, ata un 56% para o ano 2050 (World Resource Institute, 2018). Para iso sería necesario, ao par de dotar aos países máis necesitados de préstamos e recursos xenerosos e que a ciencia e a técnica do mundo civilizado faga tamén o seu traballol, é dicir, que oriente os seus esforzos investigadores nunha boa medida cara á mellora desta produtividade. Para iso a comunidade científica dedicada ás investigacións nas ciencias agrarias debería recuperar unha tradición que se perdeu, alá polos anos oitenta do pasado século, cando a clásica dedicación dos seus traballos cara a unha mellora dos rendementos vexetais e animais da terra, foi substituída en boa medida, na chamada polo holandés Bouma J. (2002) a “onda ambiental”, por outros estudos dirixidos sobre todo a problemas relacionados co ambiente. E nesas, seguimos.

Certamente, o ambiente ben merece a atención dos investigadores, pero a produción de alimentos tamén. Se hai conflito entre estes dous obxectivos, teño moi claro onde se deben dirixir as prioridades que, sen ningunha dúbida, terían que procurar con urxencia a satisfacción das necesidades de alimentos deses oito ou dez mil millóns de semellantes.

12 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito