Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Omnívoros, vexetarianos ou veganos?

    SON omnívoros os animais con capacidade para metabolizar diferentes tipos de alimento, presentan unha dieta menos restrinxida que a dos carnívoros, que consumen só carne, e ca dos herbívoros, que só consumen vexetais, que, como consecuencia da súa evolución durante millóns de anos, teñen a boca e o sistema dixestivo adaptados para masticalos e dixerilos.

    Na actualidade hai quen se apunta ao vexetarianismo ou ao veganismo, que, aínda que ás veces se confundan, non son o mesmo. Os vexetarianos consumen só alimentos de orixe vegetal, por saúde, prazer ou moda; mentres que os veganos tentan excluir todas as formas de “crueldade” contra os animais a través da alimentación, vestuario, folclore... Está máis relacionado con unha “filosofía de vida”, que cunha maneira de se alimentar.

    Os vexetais e os cogumelos, que non son vexetais, “teñen a desgraza” de que non sangran, non choran, non emiten sonidos e, aparentemente, non se moven, nin se comunican, o que os alonxa do sentimentalismo humano, por iso pódense cortar, arrincar, machacar, etc. sen remordementos. Esta forma “pouco racional” de velos non é comprensible dentro da lóxica.

    Paleontólogos, como Eudald Carbonell, non dubidan en afirmar que o feito de ter consumido carne ao longo dos tempos fíxonos humanos. E de feito, investigacións relacionadas coa nosa filoxenia e coa nosa evolución demostran que o home non comeu carne porque lle gustase, senón que foi unha consecuencia da adaptación ao entorno no que tiña que vivir.

    Esa adaptación segundo os paleontólogos Leslie Aiello e Peter Wheeler foi seleccionando individuos con menor tamaño de intestino e facilitou o aumento do cerebro, xa que alimentos de orixen animal son enerxeticamente máis ricos e doados de dixerir. O razoamento abstracto, a fabricación de certos utensilios, a domesticación de plantas e animais, o uso habitual do fogo e todas as consecuencias que trouxeron consigo, para ben e para mal, son produto dese aumento do cerebro.

    Sen o desenvolvimento da tecnoloxía teríamos que usar as nosas extremidades para conseguir o alimento, a súa diversidade sería bastante máis reducida e o tempo que quedaría libre para facer outras cousas non existiría: viviriamos para comer e reproducirnos, como calquera outro animal.

    Estamos en tempos de grandes mudanzas climáticas e, en consecuencia, do noso entorno natural, así que, como di a divulgadora científica Cinta S. Bellmunt: ser omnívoro é unha ventaxa evolutiva. Ser xeneralista, ser omnívoro, vai permitir adaptarse mellor ás mudanzas de clima e de territorios a medida que o cambio climático nos obrigue a migrar.

    A diversidade, tamén na alimentación, é garantía de éxito evolutivo. Está claramente demostrado que poder aproveitar na cadea trófica animais, algas, fungos e plantas aumenta a posibilidade de supervivencia nun maior número de ecosistemas, aínda que sexa evidente que unha dieta debe ser equilibrada, variada e moderada, en función da saúde de cada individuo e do gasto enerxético diario. A volta atrás vai contra todo razonamento científico.

    30 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.