Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Onde colocarías o bambán máis bonito de Santiago?

Primeiro foi a moda turística do “banco máis bonito do mundo”, que derivou en deceas de sitios para sentarse a contemplar a paisaxe, considerando cada cal que tiña a posición e as vistas máis marabillosas, sobre todo para poder inmortalizalas nunha fotografía e deixalas correr polas redes sociais. Agora, dende hai un tempo, chegou a nova versión, unha secuela como se di nas películas, e escoitamos falar continuamente do “mellor columpio”. Que digo eu, se falamos con propiedade o certo é que o que vén sendo a estrutura en sí, dígase o banco ou o bambán, tampouco é que sexan unha preciosidade que chama a atención pola súa beleza, máis ben o que fai que estas pezas do mobiliario paisaxístico tan dignas de devoción teñan o seu aquel é a contorna na que se sitúan e a particular composición que se crea, perfecta para unha instantánea.

Para mostra o xa famoso banco colocado nos acantilados de Loiba, na costa de Ortigueira, que foi un dos más fotografados no principio dos tempos, antes de que nos puxeramos agora a voltas con sentarnos mellor en randeeiras, para darlle á cuestión un pouco máis de orixinalidade. E por que unha urbe como Santiago aínda non se sumou nunca a estas prácticas ubicando algún enclave en particular que tamén sexa obxecto de peregrinación (outra distinta á que temos normalmente claro) para os nosos visitantes e para os propios composteláns?.

RIBEIRA SACRA. A nosa cidade, xunto cos seus arredores, ten moito patrimonio cultural e natural que ver e incluír en calquera guía. Quizais por iso tampouco se pensou nisto dos bancos ou os bambáns, pero tamén outros lugares teñen unha riqueza visual máis que suficiente e decidiron aportarlle un aliciente máis, xa que somos tan dados a procurar a foto máis espectacular. É o caso da Ribeira Sacra. O artefacto que colgou Breogán Pereiro nunha árbore nos seus viñedos das bodegas Terra Brava, en Doade, foi todo un éxito e non deixan de circular imaxes de persoas que parecera que están penduradas da nada sobre os mesmos cañóns do Sil.

Polo que contan, a experiencia paga a pena, xa non só por obter a prezada imaxe, supoño que tamén polas sensacións que produce ter aos teus pés tal estampa. E non é o único que atopamos pola zona. Tamén ten a súa historia o coñecido como “Bambán do Solpor”. En Portugal, a carriola de Miradouro do Cervo, en Vila Nova de Cerveira, gaña máis e máis adeptos, pola panorámica da desembocadura do Miño e polo particular da súa altura. Tal é a súa popularidade que a saturación fixo que perdera algo do seu encanto.

O PEDROSO E A CIDADE DA CULTURA. Postos a pensar, por que non ter aos nosos pés tamén, por exemplo, a Catedral de Santiago? Iso lévame ao Monte Pedroso, aínda que verdadeiramente esta montaña e a súa estratéxica posición vixiando todo o casco histórico, o Ensanche e o rural daría para un banco, un bambán ou un miradoiro (tipo o Monte Muralla sobre a Ría de Arousa) que tamén se están a colocar na pole position das visitas máis desexadas deste 2020. Máis non é a única altura que me vén á mente.

Un día paseando polo Gaiás, na primeira entrada (vindo por onde sempre e non pola autoestrada) e collendo polos camiños cara a dereita atopei un parque con diversos entretementos, que non sabía que estaba alí. Foi entón cando contemplei unhas vistas que me produciron ben entusiasmo, e iso que tiveran sido mellores se puidera balancearme máis cara a beira da ladeira (aí deixo a idea), cun cara a cara incluído co Pedroso. Non recordan o empeño de Xosé Sánchez Bugallo, xa na súa anterior etapa como alcalde, en construír un teleférico que subira á Cidade da Cultura? Pois igual nin sequera fai falta tanta obra de enxeñaría nin tan complicado e polémico proxecto. Ao final somos así de sinxelos, co de toda a vida, unhas cordas ou cadeas prendidas nuns postes cunha táboa para acomodarnos xa estamos conformes e contentos. E sempre queda moito máis enxebre.

A quen se lle ocorre, así por divagar, onde podemos colocar o noso “banco/columpio máis bonito do mundo” e contar co noso propio punto a proba de instagramers? Eu imaxínoo nas alturas pero podería estar en calquera parte, que non nos falte enxeño e orixinalidade.

04 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito