Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os cogomelos e o cambio climático

    QUE o clima está mudando non é nada novo, que cada vez as estacións do ano son máis difusas e un acerta menos nas predicións do tempo a curto prazo, tampouco, pero agora que se aproxima o outono, moita xente pregúntase como afecta isto o aparecemento dos cogomelos?

    Hai uns trinta anos a partir do mes de setembro íase apañar os champiñóns, as sendeiriñas ou as zarrotas, despois viñan as andoas (boletos) e os níscaros, cando chegaban as primeiras xeadas aparecían as linguas de ovella e as trompetas... e así durante case todo o ano, até o verán no que cesáreas e cantarelas indicaban que as primeiras choivas tiñan chegado.

    Por parte de todos os cogomeleiros é sabido que para que os macrofungos frutifiquen é preciso que as temperaturas sexan suaves, nen moi quentes, nen moi frías, e que o solo e o ambiente teñan unha certa humidade, superior ao 30 %, por iso estamos habituados a velos maioritariamente durante a primavera e o outono.

    Agora, fai un calor terrible desde abril e dura e dura ata o mes de agosto ou setembro. Non chove ou faino moi amodiño, as fontes “non reventan” como antes e os solos permanecen secos. Así os cogomelos non agroman ou deixanse ver en cantidades mínimas e tamaños diminutos. Onde ficou o paraíso micolóxico que cantaba Cunqueiro?

    Como está cambiando todo vese ata nas trevoadas do verán, que agora son secas, non veñen acompañadas das choivas do San Pedro, da Nosa Señora, do San Roque... habituais e os raios causan eses horribles incendios, extensos e intensos, que arrasan con todo: floresta, capa húmica, microdiversidade edáfica, incluíndo tamén os micelios dos fungos...

    E cando chove son cantidades tan descontroladas que arrastran consigo todo o que atopan polo camiño. Evidentemente, así os micelios non sobreviven e a proliferación habitual de cogomelos vai ser anecdótica se non comeza a caer agua de vagariño e con xeito.

    Só aparecerán os relacionados coas carballeiras e soutos que non se queimaron e, os cogomelos, que a pesar da sequía, estexan adaptados a climas máis suaves, por exemplo as cesáreas, os boletos negros, as cantarelas... que durante os últimos anos aparecen con máis frecuencia ou estenden a frutificación desde o verán cara ao outono e inverno.

    Xente, como non se poña remedio á situación e consigamos ralentizar o cambio climático, esta afección será unha linda lembranza para contar aos nosos netos!

    03 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.