Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os Equipos dos Benestares

    ESTA é a bitácora 41 e foi xestada en plena corentena, unha evidencia máis dos afectos entre números e verbas. Tentou agromar en varios momentos, pero quedou na casa, e na súa xénese pasou por distintas fases. Como unha máis vivín moitas sensacións, ordenei caixóns, lembranzas e afectos.

    Matematicamente un grupo é unha estrutura claramente definida, hoxe tamén é un conxunto de persoas conectadas cunha aplicación telemática. Para min entre grupo e equipo hai diferenzas e, nestes meses, unha delas é o benestar.

    Sentinme segura e ben grazas aos equipos dos que formo parte. Hoxe quero darlles as grazas por ser a enerxía que nos acompañou ás plantas, ás lembranzas que dan vida ás pertenzas e a min na casa. Grazas primeiro ao gran equipo das amizades de sempre e de hoxe, polas conexións brindadas!

    Grazas a Rosana, Bea e Alberto por conformar un equipo decanal que se foi abrindo a vida, co nacemento de Mariña. Estes meses escoitámonos e vímonos moito, analizamos propostas, enquisas, resolucións e tentamos aproximar solucións. Fixémolo coa humildade de que o erro podería acompañar as nosas decisións, pero coa seguridade de que o traballo colectivo daría froitos que, nesta colleita, madurarían na cámara. Grazas por corrixirme, por cuestionar ideas iniciais e pola seguridade que me achegades co voso traballo.

    Grazas á comunidade académica e de administración e servizos da facultade que quixo conformar equipo. Grazas quen non se conformou con ser espectadora ou espectador dunha película que tería fin, e que decidiu a ser protagonista da aprendizaxe que sempre nos acompañará.

    Grazas a Patricia, por conformar o equipo DD, e compartir problemas, solucións e escoitas desde o fixo. Grazas a Carlos Grela, por tomar en remoto o control do meu computador e axudarme a voar e aterrar con seguridade.

    Grazas a Óscar, Pepe, Íñigo, Curro e Manolo, o equipo do Máster en Matemática Industrial (M2i), máis presente que nunca grazas a traballar desde sempre en remoto. O M2i mellorou con este reto grazas a un comprometido equipo docente, e de xestión que xunto co alumnado, xa coñecía que o valor non está nas cámaras ou nos vídeos, sendo necesarios, senón nas persoas que lle suman coñecemento e aprendizaxe.

    Grazas a Fran Pena, o compañeiro de materia, pola complementariedade telemática e académica que sempre achega. Grazas ao alumnado de CAN e AVF por ser equipo, por traballar desde a creatividade con gañas de saber, identificando erros e coa empatía de saber preguntar, “e vostede como está?”.

    Grazas a Carlos e a Manolo, por facer da irmandade un equipo e compartir as mensaxes que nos permitiron estar sen estar en Ourense. Grazas a veciñanza de As Lagoas por axudar ao meu pai, a que se sentise acompañado polo seu canario co que constituíu o equipo xerador de maior benestar que coñezo. Polas melodías compartidas que tanta seguridade reportaron: “eu moi ben, moi contento co meu amigo!”. Esta mensaxe foi o gran benestar diario e o traxe a medida do confinamento!

    26 may 2020 / 22:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.