Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os mortos pola calor tamén contan

O verán que vimos de pasar en España deixounos tres ondas de calor, unha por cada mes que sumaron, segundo a
AEMET, 42 días. É algo certamente inédito na nosa historia climática e que, máis ou menos atenuadas, chegaron tamén a Galicia, onde se rexistraron temperaturas de máis de 40ºC en diversas localidades do noso interior, que facían pouco menos que imposible transitar polas rúas e mesmo conciliar o sono.

Dos seus efectos falouse moito en relación coas restricións sobre o uso da auga e, sobre todo, dos pavorosos incendios que asolaron o país e totalizaron máis de 300.000 hectáreas en España e 40.000, en Galicia. Pero apenas se citou outra das consecuencias destas ondas de calor, que pasou case como agochada nas novas dos xornais, a pesar da súa tráxica gravidade: o exceso de mortalidade que provocaron as altas temperaturas.

Sabíase desde había tempo que os extremos climáticos tiñan efectos sobre a saúde e que en poboacións sensibles (idade avanzada, con doenzas cardiovasculares e respiratorias etc.) podía ser un factor que incrementase a súa morbilidade e mortalidade. Pero ata a onda de calor do ano 2003, os europeos non fomos conscientes da incidencia que realmente podía chegar a ter, xa que daquela se estimou nunhas 70.000 persoas o exceso de mortalidade que provocara a onda de calor que barreu todo o continente. O cambio climático, coas predicións e, xa coido que podemos dicir, as evidencias do incremento das temperaturas do planeta, non fixeron máis que estarnos a lembrar a gravidade e progresión deste problema.

O Sistema de Monitorización de la Mortalidad diaria (MoMo) que mantén actualizado desde o ano 2004 o Instituto de Salud Carlos III, infórmanos que, ata o día 20 deste mes de setembro e desde o 1 de xuño, o exceso de mortalidade atribuíble en España a esta onda de calor foi de 4.744 persoas e para Galicia de 232, valores que para todo o Estado son entre tres e catro veces máis altos que para o mesmo período dos anos 2021 (1.298 persoas) e 2020 (1.383), en plena fase intensa da pandemia.

Estes pasamentos, a pesar da súa magnitude, non recibiron o mesmo tratamento mediático que outros debidos aos mesmos extremos climáticos, pero que se manifestan dun xeito moito máis tráxico e aparente, como os provocados por exemplo polos incendios forestais.
En cambio, os xerados polo exceso de temperatura son dispersos e silandeiros e mesmo apenas son recollidos dun xeito expreso polas actas de defunción. Só a frialdade das estatísticas e dos modelos matemáticos
teñen a capacidade abonda como para
desvelar dun xeito manifesto e inapelable
a súa existencia. Por eles sabemos que son mortos reais cunha vida como a túa ou a miña e que a viron truncada dun xeito anticipado por estas ondas de calor.

A boa nova, porén, está en que, segundo un estudo de Follos, F et al. (2021), en España nos estamos adaptando razoablemente ben a estes extremos climáticos, de tal xeito que as porcentaxes de pasamentos asociados aos incrementos de temperaturas están a diminuír desde a década dos oitenta do pasado século, como consecuencia de cambios nos hábitos (beber máis auga, protección fronte a calor dentro e fóra da casa, aire acondicionado, etc.), así como por unha mellora xeral das atencións sanitarias.

Aínda que existen amplas disparida-des provinciais e aquí mesmo, en Gali-cia, hai provincias bastante ben situa-
das nesta adaptación/prevención á calor como a de Pontevedra, mentres que outras, como a de Lugo, atópase na cola coas de Córdoba e Huelva.

É urxente, polo tanto, que se atenúen estas desigualdades provinciais para que todos camiñemos conxuntamente cara a esta nova cultura da calor, que polo momento semella que lle está a gañar a carreira ao Cambio Climático, pero que en nada que nos descoidemos podemos volver enfrontarnos en veráns singulares como o que vimos de deixar atrás, a serios perigos cara ao noso benestar e saúde.

29 sep 2022 / 23:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito