Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os Nazis a máis os planetas

A astroloxía –é dicir o estudo dos astros e a súa influencia nas nosas vidas- é unha disciplina que se perde nas orixes das civilizacións humanas. O que comezou como unha observación continuada con vontade empírica, derivou xa na Idade Moderna en ciencia (astronomía: Galileo, Copérnico, Kepler), quedando para a superstición o papel dos astros no comportamento humano. Dun xeito semellante, a astroloxía situábase no ámbito público pero con esta división pasou ao privado.

Rota a cadea de transmisión dos augurios romanos á caída do Imperio, foron os árabes (cos abásidas de Bagdad) os que transmitiron este coñecemento ancestral a partir da transmisión dos saberes de xudeus, indios e persas. Coa caída de Bizancio, moitos astrólogos gregos pasaron a Occidente e ocupáronse en diversas cortes italianas, incluído o Vaticano. Pero desde o concilio de Trento, a Igrexa católica condenou definitivamente a astroloxía.

Co triunfo da Razón, as ciencias foron impoñendo o seu dominio fronte á superstición. Sen embargo, a presión do positivismo provocou que se seguisen a explorar as zonas escuras do pensamento co ocultismo, o orientalismo ou a astroloxía, que callaron na doutrina teosofista, fundada por Helena Blavatsky a finais do século XIX. Eran manifestacións dunhas sociedades nun proceso de cambio que remataría coa Primeira Guerra Mundial.

Entre os elementos que constituían estas doutrinas estaba a superioridade dunhas razas sobre outras por razóns de orixes e de sangue. Un dos grupos formados a partir de tales crenzas foi a Sociedade Thule, que ben axiña comezou a colidir co ocultista Rudolf Steiner, escindido da Sociedade Teosófica. Os membros de Thule tiñan unha vocación nacionalista alemá e antisemita e tiñan na procura do Grial unha das súas obsesións. Atoparon un caldo de cultivo, a prol dun misticismo redentor, na crise económica e social que padeceu Alemaña despois do conflito e participaron na fundación do NSDAP, con Hitler á cabeza.

Destes antecedentes e das consecuencias que tiveron, temos agora un interesante estudo feito polo astrólogo italiano Thomas Molteni, La astrología y el nazismo (Almuzara). Con independencia de crer na astroloxía ou non, cómpre coñecer a disciplina para poder entender aos seus seguidores e as súas actuacións, decididas a partir das cartas natais e astrais.

Coa chegada do NSDAP ao poder en 1933, nos anos seguintes produciuse unha contradición: o emprego da astroloxía polos xerarcas nazis podía supoñer que aqueles astrólogos que non fosen da súa corda coñecesen tamén os augurios verbo da súa actuación política. Os nazis privatizaron a astroloxía para o seu beneficio e combateron a súa dimensión pública. Como os nazis procuraban xustificar a expansión nun “espazo vital alemán”, impulsaron expedicións que atopasen devanceiros arios, a arqueoastronomía e mais a xeomancia (menhires, mámoas).

Cando a cúpula nazi impulsou en 1934 a chamada Noite dos Coitelos Longos contra os SA e diversos opositores, fíxoo –segundo Molteni- cunha situación astral favorable pola situación de Urano verbo do Sol de Hitler. Entre os asasinados estaba Gregor Strasser, o astrólogo persoal do xefe dos SA. Ernst Röhm, e moi amigo del (eran homosexuais). Anos despois, cando Rudolf Hess voou a Escocia na procura dun pacto cos británicos, nunha data favorable segundo a conxunción astral, a astroloxía pasou a ser un asunto de seguridade nacional para o III Reich. Dun xeito semellante, cando en 1943 Benito Mussolini foi detido por orde do rei de Italia, Himmler organizou o seu rescate nos días que astralmente considerou máis propicios.

Os británicos, pola súa parte, tiveron presente o emprego da astroloxía por parte dos nazis para programar unha guerra psicolóxica contra eles. Na sociedade inglesa había unha ampla crenza no ocultismo (a Igrexa anglicana nunca prohibiu a astroloxía) e antes de 1939 houbo relacións fluídas con astrólogos alemáns. A propia evolución da guerra demostraba que os nazis seguiran un criterio levóxiro (contrario ás agullas do reloxo): Polonia, Dinamarca/Noruega, Francia, Balcáns/norte de África.

Joaquim Ventura

26 oct 2022 / 16:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito