Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os perigos de confrontar no límite

A OTAN está a realizar exercicios de disuasión nuclear malia que Moscova non fixo unha demostración semellante. Aínda así, o bloque occidental non deixa de teimar coa ameaza nuclear de Putin, e nun suposto submarino percorrendo medio mundo. O que me fai lembrar a escusa que daban na Arxentina os réximes militares, na década dos sesenta, para distraer a atención da xente respecto dos problemas do país. Daquela que agora Moscova achegase á fronteira seus bombardeiros estratéxicos diante das ameazas de Borrell, Truss e Biden...

Polo tanto, todo amosa que a iniciativa nos saltos cualitativos nesta guerra estivo e está nos Estados Unidos e aliados (ou sexa G7/OTAN) que son parte do conflito. Lembremos a súa intervención no Maidan, aos asasinados no edificio sindical en Odessa, os oito anos de bombardeos sobre o Dombass, con 14.000 mortos, o incumprimento do acordo de Minsk para outorgar a autonomía a lugansk e Donietsk,... Por se non abondase occidente retorce a verdade nas accións contra estruturas sensíbeis, como as sabotaxes nos gasodutos Nord-stream1-2, e con accións que poden rematar nun incidente nuclear como os bombardeos á central atómica de Zaporizhia,

O bloque occidental afirma que unha saída negociada, por exemplo que supoña a integración a Rusia das rexións ucraínas ocupadas non é aceptábel (mesmo despois dun referendo que fose controlado por nacións alleas á guerra?). Tampouco pactos intermediós, só valoran como solución ao conflito a derrota de Rusia. Ou sexa, non hai máis saída que a guerra (coa destrución da humanidade se fose necesario?...), usando á Ucraína como carne de canón desta folla de ruta, coa escusa de manter a preeminencia internacional e ser único interprete da democracia (tamén en Kosovo, Libia, Afganistán, Iraq, etc). Hai unha dobre regra de medir. Un dato, en Odessa, un territorio que controla Kiev, nas eleccións de 2018 os pro-rusos acadaron máis do 50% dos votos.

Sempre coidei que Rusia necesita dun governo de esquerda, que poña énfase na igualdade e no protagonismo popular, mais a postura de USA+UE e socios, cada vez máis democraticamente unilateral, consolidou a figura de Putin como defensor dos intereses nacionais e o multilateralismo no mundo. Esta mesma lectura fana moitas potencias rexionais, e mesmo países neocoloniais, que non entran directamente no conflito por temor ás represalias do imperialismo hexemónico, porén que non apoian as sancións e afástanse como poden das inxerencias de occidente. Lembremos o Cumio das Américas, as intervencións no última asemblea xeral da ONU, as decisión da OPEP+, a iniciativa de México a prol dun acordo de paz na ONU, etc.

Resulta evidente que xogar a tope na confrontación non se fai só por soberbia, dados os custes que ten nos promotores. Esta folla de ruta escolleuse para acelerar a división do mundo en dous bloques. Utilizando a guerra da Ucraína e outros temas para reducir o número de aliados a Rusia-China e dos países que se manteñan á marxe da disputa, mais que apoian o multilateralismo. Trátase de garantir no futuro a hexemonía de Estados Unidos, e dos seus aliados, subimperialistas.

A derrota ou illamento das potencias que se opoñan a esta hexemonía é o único camiño que valoran, para seguir marcando normas e exercer o papel de policía. De non ser esta a folla de ruta escollida sería outra a actitude da UE e hai tempo que se estaría negociando a fin da guerra na Ucraína, e non se alimentarían casualmente as tensións en Taiwán.

Como remate a guerra na Ucraína condicionará o futuro. Tamén o faría a existencia dun forte movemento popular mundial a prol da paz, e que os medios de comunicación manteñan unha postura máis neutral. Será moito pedir?

22 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito