Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os suicidios, un tema tabú

    DISQUE cada corenta segundos, se suicida unha persoa no mundo. No 2019, España rexistrou tres veces máis suicidios que accidentes de tráfico; o 80% deles, homes aínda que as mulleres son as que máis o intentan. Galicia, con 12 casos por 100.000 habitantes, é a segunda comunidade con máis casos. É a primeira causa de morte en España, por diante dos accidentes.

    Os expertos alertan das consecuencias que o confinamento, a crise sanitaria, económica, laboral e social tivo e vai ter na saúde mental das persoas e poñen como exemplo o caso da comunidade máis poboada, Andalucía, onde se incrementou o consumo de antidepresivos nun 9% e o de ansiolíticos nun 10% durante o confinamento.

    Diversas asociacións, colectivos e a mesma OMS alertan de novo da necesidade dun maior investimento en saúde mental prevendo o difícil panorama futuro. Precísanse plans institucionais serios e comprometidos, tamén centrados nos trastornos mentais que adoitan estar detrás deses suicidios, dotados de orzamentos, de persoal médico e de apoio (temos seis psicólogos por cada cen mil habitantes; tres veces menos que a media europea). Reclámase un Plan nacional de prevención de suicidio, que xa existe en Galicia, pero... Está claro que sen compromiso, orzamentos, recursos... todo queda en papel mollado.

    Tamén se precisa concienciación e compromiso social. Non estamos preparados. Ante un suicidio, afloran sentimentos dispares: consideramos os suicidas covardes, valentes, culpables... cuestionamos o papel dos familiares, estigmatizamos os doentes, xorden medos, prexuízos...... Malia esta realidade e os datos, tamén constatamos como desde o Goberno non se inviste o mesmo esforzo e diñeiro en combater e frear esta praga que o que invisten por exemplo, en concienciar e combater os accidentes de tráfico.

    Os suicidios seguen a ser un tema tabú. Os familiares dun suicida tenden a ocultalo; a sociedade tampouco quere recoñecelos; os gobernos tamén os silencian. Aquilo do que non se fala, non existe pero... os mortos si existen. Non podemos ocultalos.

    Descubrimos unha realidade que xa nos acompañaba antes da crise e que agora se agudiza. Non esquezamos todas esas persoas que se ven mergulladas na escuridade, que sofren ata límites insospeitados a dor, ás veces en soidade, e esixamos por parte dos gobernos e da sociedade solucións multidisciplinares, plans realistas dotados de orzamentos e de recursos para reverter a tendencia desta pandemia silenciosa que se suma ao inimigo invisible que é o covid.

    24 sep 2020 / 00:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.