Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os tempos do idioma

    NESA hora feliz na que os galegos estamos a ver na tele o Atrápame se podes, recibo a chamada impertinente do meu lector sinistro. Toda persoa que ten a (funesta) manía de escribir padece un tal lector, polo menos desde os días de Molière, que xa lle daba queixa a Luís XIV do seu “lecteur sombre”. Pois xa había tempo que non me chamaba o meu lector sombrío. “Porque creí que te murieras”, díxome o tipo pasando de sombrío a lúgubre e gramaticida. O meu lector apostrófame así: “Dale caña al Dígocho eu”.

    Disque este programa ten levado moitos premios, pero a min cos premios lingüísticos pásame o mesmo ca cos literarios: xa me gustaría saber en nome de que escuros fermentos se dan eses premios que se nos di que se dan en nome do talento. Os premios déixanme frío coma a neve. E, falando de neve, no último vídeo do Dígocho eu que me cadrou ver guíndasenos este aturuxo horrísono: “Non digas trineo; tes que dicir zorra”. Resulta que case todas as linguas de cultura que nos son próximas acolleron o préstamo do francés traîneau (incluso o portugués: trenó), pero os que falamos galego ao trineo seica lle temos que chamar zorra.

    Que vergonza raposeira. E se cadra, por virtude da paronimia, despois da diferencialista zorra acabarán meténdonos a lusista porra. Parece que nin o vocablo máis identitario do galego, ou sexa o noso carallo de toda a vida, pode estar seguro da súa tumescencia autóctona, porque cando menos o pensemos poden trocárnolo pola porra portuguesa. Os violentos diferencialismos que os lexicópatas de palleiro nos inflixen debilitan a competencia dos galegofalantes de natural. De xeito que se nos fai lícito opinar que o noso idioma vai morrendo, non abandonado polo pobo, senón esfurricado pola nesciencia dos que xogan ao diferencialismo acomplejado mentres chuchan teta e dieta.

    Préstaselle demasiada atención ao léxico esquecendo outros niveis lingüísticos máis importantes, coma a sintaxe, tamén a morfoloxía e a fonética, pero sobre todo a semántica. Hai moito estudiado puerilmente entretido en ciscar significantes a eito cando o que máis falta fai é volver aos significados. Hai que recuperar os matices e finuras dos paradigmas semánticos patrimoniais.

    Non son bos tempos para este idioma, nin sequera para os tempos verbais, maiormente o tempo imperfecto, que é o que mellor se axeita ao noso tempo existencial. Pero algunhas das mulleres do tempo meteo (da tele) forman un frente que entra por este noso noroeste precipitando no imperfecto acentuacións esdrúxulas e afiadas coma unha chuvia de aguillóns. Tratádeme ben o tempo verbal, miñas señoras do tempo, sobre todo o imperfecto (“l’éternel imparfait”, dixo Proust), que é o tempo que me queda neste meu rabo da vida.

    06 oct 2022 / 20:11
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito