Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Paixón elocuente

    NESE infindo deserto que se estende na ausencia dunha oferta televisiva mentalmente alimenticia, a serie documental Atlántico emitida na TVE2 é un oasis inesperado, cheo de sorpresas repentinas. Non só polos contidos antropolóxicos de diversidade cultural, que pouco teñen que envidiar aos sempre presentes Otros pueblos (1983) de Luis Pancorbo, e Los marginados (1984) de Carmen Sarmiento, senón sobre todo pola narrativa de imaxes e a lealdade cara ás vivencias contadas.

    O director das entregas, Daniel Landa, relata experiencias cargadas de emoción vital, transmite e comunica porque certamente se recrea no que sente. Sen imposturas, sen reproches nen reclamacións, sen comparanzas.

    Moito se fala de camiños cara á felicidade e dos atrancos reiterados para sermos ditosos. Escoitanse de seguido laias por non selo. Na serie Atlántico, Daniel Landa retrata modelos de ledicia, todos baseados en principios de crenza no que se fai. Compromiso co xeito de vivir e valores ben prendidos.

    Estes xeitos televisivos ousados e crus do equipo de Landa son ilustracións nidias de “ter vocación” (do latín vocatio, “chamado para adicarse a algo”), significan precisamente afrontar labores fatigosos con vontade natural activa e coa satisfacción proxectada en benestar e en verdade. O pracer derivado do valor das tarefas risca o gravoso que resulte facelas. Pode incluso parecer que non son custosas.

    O compromiso está claro que non pasa por mostrar o esforzado do proceso, senón por compartilo con paixón. Nos tons ocres do deserto do Sahara que envolven os volumes da biblioteca de Chinguetti, e na súa narrativa, radica o verdadeiro relevo da dura viaxe por rutas selenitas. Na natureza que abraia diante das dunas de Sandwich Harbour en Namibia está o verdadeiro valor do risco entre a impoñente parede de area e o ameazante océano coa suba da marea.

    Quen temos profesións que inevitablemente visibilizan a nosa encomenda de instruír no saber, transitamos tamén carreiros que, aínda sendo duros, están sempre guiados polo faro do entusiasmo na transmisión convincente de principios e de coñecemento.

    Sen dúbida, son deberes fundamentais, ingredientes consubstanciais de sermos mestres, o contaxiarmos pracer e curiosidade na aprendizaxe, ao tempo de irmos saboreando con moitas ganas pingas desa sabedoría que nutre.

    Tócannos tempos en que o protagonismo absoluto recae nos atrancos e pégas que van de seu no propio feito de vivir, queixas continuas que se convirten, como dicía con certa sorna F. Nietzsche (Crepúsculo de los ídolos, 1889), en pequenas vinganzas que agochan malestar puramente persoal. Unha cadea tóxica engarzada de reclamacións que non debera escurecer os magnetismos de querenzas vocacionais arrebatadoras.

    Estes días pasados, na Seminci de Valladolid ese grande director de cine irlandés, tan propio, como é Jim Sheridan, era rotundo cando lle pedían consellos para cineastas novos: “paixón e máis paixón no que fas”.

    02 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.