Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Palabra, díxolle o lobo á cabra

    A verdade é que a estas alturas, xa estamos afeitos a ver como se rompen acordos e tratos varios, entre eles, os de paz, os climáticos e, como non, os comerciais. Mais a infedilidade cometida por Australia, que casa de segundas con Estados Unidos e sen nin sequera romper antes coa primeira parella, Francia, é doada de entender pero difícil de aceptar para os agraviados así como para todos aqueles que aínda cren no “poder da palabra”, e máis aínda no poder da palabra escrita.

    Lembremos a situación: hai cinco anos, Australia e Francia asinan un acordo polo cal o segundo se compromete a construír para os australianos doce submarinos propulsados por motores diésel e eléctricos por moitos miles de millóns de euros. A sorpresa para os europeos chegou hai uns días cando descubriron que Australia cancelou o contrato, sen previo aviso, e que asinou outro con Estados Unidos porque lle saía moito máis vantaxoso.

    A xogada disque contribúe a erguer unha muralla fronte a unha potencial perigosa China e, ademais, os motores dos novos submarinos integran tecnoloxía nuclear o que polo visto lles permite, entre outras cousas, pasar moito máis tempo mergullados, sen subir á superficie.

    Pero onde queda o acordo do século? Que validez ten? Que peso ten Europa? Visto o visto, ningunha. Adeus ao respecto, á seguridade, á confianza, á fidelidade que supón chegar a un trato entre dúas partes. A palabra dada demostra a capacidade que ten o ser humano de afirmarse malia todo tipo de coaccións materiais, dicíao o filósofo Kant, e demostrábano con feitos os nosos maiores, filósofos populares por excelencia.

    Quen non lembra ver ou escoitar un trato entre un chalán ou feirante e un gandeiro?, entre un vendedor de viño ou de augardente e un comprador? Un poñía un prezo enriba da mesa, o outro escandalizábase e buscáballe o defecto para rebaixalo; cedía un, cedía o outro... Poñíanse de acordo e asinábano cunha aperta de mans que, ás veces, supoñía o inicio dunha amizade. Non facía falta papel ningún; de feito, entendíase como unha ofensa e, por suposto, non había volta atrás. A palabra tiña un valor e mantela definía a persoa como digna de confianza e de respecto. Era a súa carta de presentación.

    O que mudaron as cousas! Agora, se diches a túa palabra ou asinaches unha proposta e te mantés firme aínda que aparezan opcións mellores, chámante “parvo”, ou non? Pois nada, alá vai o contrato do século para a aldraxada Francia. Se xa o di o refrán, “como hai o acordo, tamén hai o trasacordo”.

    28 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito