Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pan e Rosas

    Persoalmente non gusto das celebracións do “Día de...”, quizais condicionada pola publicidade duns coñecidos grandes almacéns. Mais si festexo o 8M, declarado “Día Internacional da Muller” por Nacións Unidas hai xa 47 anos.

    Polo que significou na súa orixe, coas demandas de milleiros de traballadoras textís que no século XIX saíran ás rúas de Nova York para protestar polas miserentas condicións laborais e reivindicar o fin do traballo infantil e dos horarios sen límites. “Pan e Rosas”, berraban. E tamén polo cambio na normativa de seguridade e saúde laborais dos EEUU como consecuencia do incendio dunha fábrica de camisas na dita cidade no ano 1911, no que morreran máis de 100 mulleres ao non poder fuxir porque os responsables da fábrica pecharan todas as portas das escaleiras e das saídas.

    Cando Nacións Unidas declarou a celebración, ninguén se botaba á rúa a se manifestar polo 8M. Pola contra, as últimas manifestacións que se fixeron no ano 2020 foron multitudinarias. Mais lamentablemente pasou a euforia coa chegada da pandemia e a postpandemia, a erupción do volcán da Palma, as moitas ondas de pandemia, o fundimento do “Villa de Pitanxo” en Terranova, a crise profunda do Partido Popular e a ilegal invasión de Rusia ao Estado soberano de Ucraína por orde de Vladimir Putin.

    Cantas cousas teñen pasado! E cantas nos desvían da celebración do 8M deste 2022, que semella esvaído e non nos permite ollar os efectos que a Covid provocou sobre as mulleres, moitísimos e destrutores, sobre todo no ámbito do traballo. Porque sen independencia económica e sen recursos non pode haber igualdade.

    Cal está a ser o impacto da pandemia na fenda de xénero salarial? Hai un indicador, chamado “GlosinGap”, que mide os efectos desta fenda na economía. Pois ben, mediante a análise da evolución das 5 categorías que son o emprego, a educación, a conciliación, a dixitalización e a saúde e o benestar, conclúese que a Covid incrementou a fenda salarial do 35,9% do 2020 ao 36,7% do 2021. Como consecuencia, aumentou 2 anos máis o período que se necesitará para acadar a igualdade entre mulleres e homes: A este ritmo, aínda quedarán 36 anos para que desapareza por completo. E isto, en termos económicos, significa un custe negativo de 213.299 millóns de euros, é dicir, o 19% do PIB de 2020.

    Cal está a ser o impacto da pandemia na fenda de xénero en conciliación? Segundo datos do mesmo indicador, medrou 3,2 puntos porcentuais en 2021, ata o 40,8%, e iso a pesares de que nos últimos 5 anos seguira a dirección contraria. E este empeoramento centrado na conciliación -e, como consecuencia, no crecemento dos traballos a tempo parcial- tradúcese nun aumento do risco de pobreza feminina. Só un apunte: Segundo datos do Ministerio de Traballo, a medida que os ERTES se desaceleraban, os traballadores homes incorporábanse aos seus postos 15 días antes de media que as mulleres, o que significa que no traballo das mulleres houbo aínda menos rotación da habitual.

    Xa que logo, a recuperación deberíase centrar nas mulleres e reivindicar o peche de todas as fendas de xénero. Por xustiza coa memoria pasada, por xustiza social e polo ben da economía. Saiamos á rúa outro 8M e berremos “Pan e Rosas”!

    08 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.