Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Panorama de confusión

    Quizais é cousa desta dinámica vertixinosa na que estamos atrapados, polo menos desde que empezou a pandemia universal, pero da a impresión de que pasamos unha racha prolongada de certa tendencia catastrofista á hora de analizar os acontecementos. Certamente, non hai moitos motivos para mirar o futuro con optimismo. A guerra iniciada polo presidente de Rusia, Vladímir Putin, para reconquistar Ucraína leva xa case dous meses esnaquizando vidas e facendas, sometendo a un estrés demoledor os equilibrios entre Oriente e Occidente (por definir dalgunha maneira estes dous bloques recuperados do recordo da guerra fría e que, á súa vez, teñen a súas propias tensións internas, sobre todo en Occidente porque en Oriente predomina o pensamento único). Un estrés que ten tamén repercusións inevitábeis no resto do planeta. Xa coñecemos a particular sensibilidade dos axentes económicos (de Oriente e de Occidente) para buscar posibilidades de beneficios nas máis variadas circunstancias, sobre todo en circunstancias de catástrofes, naturais ou fabricadas. Axentes económicos poderosos que xogan ao monopoly cos recursos enerxéticos, por exemplo, e axentes de medio pelo que dan o timo con material sanitario defectuoso a prezo de ouro ou que aproveitan o caudal de refuxiadas para ampliar ou renovar a oferta dos seus bordeis.

    O caso é que, despois da crise do 2008, nin se refundou o capitalismo nin se corrixiron os seus defectos máis patentes, que son tamén os máis xenuínos do sistema (os relacionados coas desigualdades sociais). Tampouco a pandemia está a servir como revulsivo para restablecer a eficiencia da sanidade pública, desbordada por unha situación que só puido superarse cos esforzos voluntaristas dos profesionais sanitarios. Entre crises, pandemia e guerras (en Ucraína, en Siria, en Iemen... ) prestouse moi pouca atención ao último informe do grupo de expertos en cambio climático da ONU, difundido a primeiros de marzo, e no que os científicos recoñecen que se quedaron cortos nos prognósticos que fixeran hai oito anos: hai xa algúns efectos irreversíbeis e outros moi preto da irreversibilidade.

    Quizais o peor é que todo esta dinámica de vertixe está a debuxar un panorama de confusión, frustración e indignación, que non encaixa moi ben nas ofertas políticas clásicas, xa desacreditadas nunha boa parte por corrupcións crónicas e por irresponsábeis frivolidades políticas. Caldo de cultivo para todo tipo de manipulacións e demagoxias que ofrezan solucións simples e máxicas (é dicir, enganosas, trucadas) a problemas complexos. Necesitaremos soportar directamente os resultados da execución desas solucións demagóxicas para escarmentar dos supostos salvadores da patria?

    Xosé A. Gaciño

    22 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito