Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pequenos grandes momentos

    COMO contou no programa Aprendemos xuntos-BBVA, Francesc Miralles descubriu o Ikigai nunha viaxe na que ía buscando cousas sobre alimentación e estilos de vida de Okinawa, que é unha zona azul. Estas son lugares onde, como en Galicia, se vive máis que no resto do mundo.

    A palabra xurdiu cando ao preguntar a centenarios que era o que lles impulsaba cada día para levantarse e porque tiñan tantas gañas de vivir, moitos dixeron: Eu teño o meu ikigai. Este está formado por dous termos –iki (vida) e gai (merecer a pena)– e literalmente significa unha vida que valga a pena.

    Hai persoas que nacen co ikigai e de pequenos dinche: eu quero ser médico ou crego, e acábano sendo; pero o normal é que sexa un proceso de busca. Deste xeito podes ter un ata os 18 anos e, cando entras na universidade e te iluminas, velo noutra cousa onde o mundo te necesita. O ikigai sería esa paixón, ese talento que descobres dentro de ti, que é útil ao mundo e pode ser o motor da túa vida.

    Cando a Paush –profesor da Universidade de Carnegie Mellon– diagnosticáronlle un cancro, decidiu dar unha conferencia aos seus alumnos sobre a importancia de recuperar os soños infantís. Cando alguén –díxolles– vai perdido na vida e xa non sabe cal é o seu ikigai, que recorde os soños que tiña de neno, que quería ser de maior. Entón poderá recuperar unha esencia que lle pode devolver ese espírito espontáneo que quizás ten perdido.

    Intentamos facer todo ao mesmo tempo pero iso é o máis contrario a vivir o presente, porque facemos moitas cousas á vez pero ningunha ben. E, ao final, o pracer de facer as cousas depende de facer unha soa ben feita.

    Outro concepto xaponés que pode inspirarnos para saír desa furia, preocupándonos ademais polo pasado e o futuro, é o Ichigo-Ichie, o cal significa: unha vez, unha oportunidade. O seu sentido é que o que estamos a vivir agora, non se repetirá nunca máis. É darnos conta do carácter único de cada momento. Introduciuno un mestre do té, que escribiu: Trata os teus convidados como Ichigo-Ichie, como se non os volveras a ver nunca máis na túa vida e o recordo que se levarán de ti fora este.

    As veces pensamos: hoxe non estiven plenamente coa miña nai porque estaba pendente do fútbol, pero xa haberá outra oportunidade. Como de feito nunca hai unha oportunidade igual que esta, é unha invitación a gozar da persoa que nos acompaña e deste día como algo único. Unha vez que Charlie Brown preguntoulle a Snoopy se era consciente de que algún día morreremos, este contestou: Si, pero o resto dos días non. Ese resto de días é a esencia do Ichigo-Ichie. Saber que temos este momento e que depende de nós facelo memorable.

    23 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito