Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Perlas e raíñas

    Á volta das vacacións sempre traio unha colección de frases do verán, coma cando de neno volvía de agosto cunha colleita de bolboretas espichadas nun corcho cun alfinete. Ao empezar o curso corría lixeiro a ensinarllo a don Ovidio, inesquecible profesor de Ciencias Naturales para todos os que fomos seus alumnos nos anos dourados do Vigo de Portanet, aquel alcalde ilustrado (agora Vigo só ten un alcalde iluminado).

    Pois desde aquela miña devoción polas bolboretas chimpei a estoutra afección entomolóxica polas verboretas, ou sexa polos primores da verbosidade estival, porque en agosto, coa calor, é cando máis en flor está o impudor verbal (e moral), sobre todo en política. Teño traído de pasados veráns perlas preciosas, e entre as máis lucidas segue estando aquela pronunciada na raia de xullo e agosto do ano 2011 por don Javier Losada, cando perdeu a alcaldía de Coruña: “Ahora voy a trabajar de senador”.

    Pero a frase de senador que máis ruído fixo este verán é de recente fulgor e debémoslla a don Ander Gil que, empoleirado como presidente do Senado ese día do célebre debate, recuncou neste berro: “¡Termine, señor Feijóo!” Nun simple tanteo semántico este orneo estentóreo podería revelar mesmo alcance escatolóxico, ou, como mínimo, un desexo subconsciente de aniquilamento: ¡Desapareza do mapa, señor Feijóo! E o caso é que este señor Ander Gil (maestro de escuela que renunciou a este deleitoso oficio para vir “a trabajar de senador”) foi nomeado “senador del año” pola Asociación de Periodistas Parlamentarios (se non recordo mal).

    O que hai que facer con este home é nomealo “senador do século”. Porque unha frase tan lapidaria, decidida a ser lápida e lousa sobre Feijóo, merece gañar a inmortalidade, e desde logo gañar tamén os 206.773 euros que gaña ao ano o senador Gil (“Llámale gil”, diría Quevedo guindando antífrase).

    Se levantase a cabeza lord Melbourne, aquel primeiro ministro da raíña Victoria (estes días moita memoria nos merecen as raíñas de Inglaterra), quedaría abraiado, porque el foi o inventor do salario parlamentario. Sucedeu cando reparou en que os mineiros e maestros de escuela que eran elixidos para ocupar un escano perderían o seu miserable soldo, e daquela entendeu que había que darlles unha retribución institucional compensatoria. “Os maestros de escuela tamén comen pan, miña raíña”, informou Melbourne á aínda adolescente Victoria, porque daquela as raíñas (tamén lle pasaba a María Antonieta) pensaban que as clases traballadoras só comían galletas.

    Se lord Melbourne levantase a cabeza, digo, e vise os números da nómina dun maestro de escuela –como era onte don Ander– en comparanza cos números da nómina do senador que é hoxe don Gil, diría: ¡Que brecha salarial, miña raíña!

    16 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito