Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Perplexidades de forasteiro

    TODOS os veráns, desde hai un par de décadas ou quizais máis, teño asegurados uns días de felicidade e boa compañía cando vou xantar e pasear con amigos que chegan desde Asturias e desde o País Vasco. Gozamos xuntos dunhas xornadas de sol e mar na ría de Vigo ou na de Aldán, tomamos bos alimentos, brindamos e falamos en longas sobremesas. Son xentes do norte e visitan Galicia con certa frecuencia, polo que case nada lles resulta completamente descoñecido.

    As repetidas visitas non lles impiden celebrar en cada ocasión a paisaxe das Rías Baixas, tan diferente da que eles ven nas beiras do Cantábrico. Este ano, ademais, mentres comiamos vimos a poucos metros de nos un grupo de arroaces que seguramente perseguían un xarabal de peixes miudos. O espectáculo dos cetáceos na superficie foi marabilloso: “Hai que vir a Galicia para atopar unha natureza tan xenerosa”, dixo un deles.

    E todos os veráns, despois contemplar as rías coa ilusión da primeira vez, toca ver en calquera parroquia do camiño ou en calquera barrio da cidade, outro espectáculo cada día máis difícil de ver noutros lugares de Occidente: os cables formando leas e novelos alrededor de postes de madeira ou de formigón (cables da luz ou do teléfono ou de vaia saber vostede, pero que afean e degradan o entorno). Ou as medianeiras das casas forradas de chapas onduladas ou de fibrocemento. Ou as fachadas que aínda exhiben eses azulexos sen xeito nin piedade pola estética.

    Todo iso e algunhas cousas máis, que afectan tanto ao patrimonio común como a vida cotiá das xentes, son difíciles de entender para moitos visitantes. Non me refiro aos visitantes que proceden da pulcra e algo relambida Suiza, senón aos veciños de Asturias, por exemplo. Os meus amigos se sorprenden de ver, ano tras ano, os mesmos muros ruíns de formigón os mesmos valados trapalleiros no centro das vilas. Tamén resultan costumes tristes e feos no sentir de moitos galegos.

    Xa sei que algúns arquitectos e urbanistas sosteñen que todas esas chafalladas son solucións funcionais que as xentes buscan para amañar algún problema e que temos que consideralas parte da cultura e do enxeño popular. Lin cousas así máis dunha vez e sempre me pareceu un bo exemplo de por que non todas as opinións son respectables.

    O urbanismo ten que estar pegado á vida e ás xentes e ser feo ou bonito non debe ser necesariamente a primeira das súas cualidades. Pero non está escrito en ningures que teña que ser feo.

    Nalgunha ocasión tiven oportunidade de comentar este vello asunto con políticos con responsabilidades no urbanismo e na ordenación do territorio. Sempre din que son problemas de difícil amaño. Pero os problemas que paga a pensa solucionar son precisamente os difíciles. E outros xa o fixeron.

    01 sep 2020 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.