Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pode occidente frear o multilateralismo?

    Todo evidencia que a guerra na Ucraína irá para longo, porque aqueles que lle axudan, como a OTAN e países aliados a esta altura poñen o acento nunha saída militar. Todo amosa que buscan, para alén da escusa da invasión rusa, debilitar a esta potencia emerxente e dar unha lección a China e outras nacións que apostan polo multilateralismo. Só así se entende que non tomaran medidas semellantes respecto do Iemen, ou que non apliquen as resolucións da ONU en relación coa autodeterminación do Sáhara Occidental, Palestina, etc.

    Na foto fixa do inicio militar do conflito resulta evidente que Rusia invadiu a Ucraína, e que a guerra estase librando neste país, co que isto implica de destrución de infraestruturas e de persoas civís mortas e feridas. Agora ben, non se pode obviar o golpe de estado do Maidan en 2014, tampouco que se incumpriron todos os acordos para solucionar pacificamente o conflito do Dombás (14.000 mortos civís dende 2014 a 2022). Tamén fracasaron as negociacións para evitar que a Ucraína se convertese na punta de lanza da OTAN na fronteira rusa; Moscova atopou ouvidos xordos en Washington e Bruxelas. Por se non abondase Rusia asegura que tiña información de que varias potencias occidentais estaban preparando ao exército ucraíno que xa tiña 60.000 tropas na fronteira dispostas a dar un golpe militar decisivo ás repúblicas do Dombás. Unha masacre.

    Cumprir os acordos de Minsk así como garantir a seguridade de Rusia polas potencias occidentais debería ser positivo e doado de cumprir para todas as partes. Ou non? Acaso occidente, os Estados Unidos, quere seguir mantendo a hexemonía máis absoluta na política internacional, facendo de parte e xuíz en todos os temas, desde os militares, até os económicos e político? Foi por está razón polo que todas as reunións sobre o pactado e comprometido non tiveron efectos prácticos, só existía certo interese por algunhas nacións da UE, mais sempre condicionadas por Washington.

    Por se non abondase co desleixo que houbo a respecto de conseguir un acordo de seguridade mutua, a recente reunión convocada pola OTAN de 40 países para facer unha fronte anti-rusa dá un paso máis nunha estratexia que leva á fractura o mundo en bloques, e polo tanto alongará a guerra. Utilizase a cuestión da soberanía da Ucraína como unha escusa, razón pola que esta non se respectou en Serbia, Libia, Iraq, Afganistán, Siria, e ducias máis de intervencións dos Estados Unidos e doutras potencias occidentais, aínda que nestas últimas se fixese en menor medida. Non hai dúbida que con estas regras, e tamén no caso concreto da guerra na Ucraína, a potencia máis favorecida é USA, que consigue manter a súa hexemonía, cando menos en relación coa UE e outros países aliados ou subalternos, e ademais obterá grandes beneficios pola venda de armas, e espera substituír en boa medida a Rusia na exportación de gas e petróleo á Unión Europea, e dá por garantido manter como moeda de reserva o dólar, que está hoxe moi cuestionada, etc.

    Mais, non se pode obviar que as sancións a Rusia son un búmerang que golpea a todo o mundo, moi especialmente á UE. Esta potencia eurasiática é unha federación que conta coa maior superficie do mundo, non é só unha gasolineira, como din algúns medios para lle restar capacidade e credibilidade, esquecendo que ten unha enorme produción de cereais, metais, e unha industria punta no ámbito militar, farmacéutico, etc. E, dado o grao de globalización que se atinxiu a economía, a ruptura da cadea de valor nun punto termina por atinxir unha gran parte do tecido produtivo a nivel mundial. Daquela que, a esta altura, para alén das causas iniciais que puido alentar a pandemia, a redución ou atranco da oferta de produtos básicos está consolidando taxas de inflación moi altas, que todo indica pretendese máis unha vez que pague a clase traballadora e os países máis débiles na cadea de valor. Ou sexa, ademais da fraxilidade social causada pola pandemia hai que sumar a confrontación entre potencias en todo os ámbitos e seus efectos.

    Neste contexto é que Washington alenta a guerra co engado de que a Ucraína pode gañala (esquece a desfeita do país, e que a iniciativa e a ocupación de territorio é favorábel a Rusia?). Trataríase de repetir o proceso da Unión Soviética conxelando activos e trabando a produción e comercio exterior. Obvia a historia de sacrificios dos povos de Rusia, e súa forza atómica. Coido que Estados Unidos tampouco valora axeitadamente que nas derradeiras dúas décadas non só avanzaron China e Rusia, senón que xurdiron novas potencias, como India, Iran, Indonesia, Brasil, México, etc que teñen cada vez un protagonismo maior, e non están moi dispostas a aceptar un mundo dividido en dous bloques e moito menos un sometido aos Estados Unidos ou a outra potencia. Daquela que, calquera sexa o resultado da guerra entre Rusia e a Ucraína (+OTAN), e polo tanto dinamice ou adíe o proceso, este non deixará de seguir avanzando ao multilateralismo, xa que non hai outra alternativa real que aceptar a diversidade, construíndo un mundo solidario e en paz. Máxime cando cada día que pasa hai máis retos comúns de tipo ecolóxico, demográfico, mobilidade, de limitacións nos recursos...

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    04 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito