Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Políticas degradadas

    NUNHA novela precisa por fonda, Los nombres propios (Sexto Piso, 2021), a escritora Marta Jiménez Serrano sinala que para comprender o significado dos nomes hai que pólos en prática e sentilos na pel. Non abonda con automatizar o seu uso sen máis, hai que facer que prendan: “La abuela se sabe pocas palabras, pero se las sabe con todo el cuerpo”. Certamente, estamos afeitos ao manexo atolado e pouco prudente de palabras como liberdade, democracia, política, sen calibrar o peso específico de seu.

    Abofé que a liberdade non é sen máis freedom (que dirían os ingleses), senón sobre todo liberty, dispor de normas para exercela. Sermos realmente libres require ter criterio e argumentos de elección propia, doutro xeito seremos gando tanguido por modas ou tendencias. Sen dúbida, a democracia vai moito máis aló de simples resultados cuantitativos de participación e de gañadores fronte a perdedores. Un demócrata ha ser tolerante si ou si, ninguén que así se cualifique comulgará con riscos despóticos abocados ao caciquismo. Tanto, que a frase “gobernar para todos” contén significado unicamente na práctica.

    Non estaría de máis formarse nos cementos orixe destes conceptos acudindo ás obras de clásicos. A Política de Aristóteles (nesa brillante tradución do sempre lembrado Juan J. Moralejo na colección de ‘Clásicos do Pensamento Universal’ BBV-USC) debera ser de lectura comprensiva instaurada nas escolas. Para, xa desde neno, notar que a política consiste en proporcionar benestar a toda a comunidade, e que nese propósito a prioridade máxima son os dereitos humáns. Para, xa desde neno, aprender que o exercicio político vai parello ao compromiso ético, ao servizo non sesgado, e sobre todo ao traballo honrado. De maneira que, por figurar este maxisterio nos planos educativos, se tracen desde ben cedo perfís de formación como seres políticos que somos.

    Proliferan hoxe usos da palabra, ao correr de certos desempeños da política, que están lonxe do concepto que en rigor debe corresponder á “politikós” grega. As estratexias e rutas ideolóxicas son instrumentos que activan e desenvolven o pensamento político. Mais sen contidos que definan un xeito de organización e de goberno, baleiranse aquelas tácticas, son un engano.

    Están eses modos de “política de corredor” que canalizan acordos de reprocidade para conseguir resultados de democracia de número. Maiorías acadadas en compravenda de prebendas, beneficios, ou funcións sustentadas nos votos. O que popularmente se chama “rede clientelar”.

    Están esoutras maneiras, case que exclusivas nestes últimos tempos, do que a miña tía Elisa chamaba “espírito de contradición” totalmente focas, e que consisten en avaliar por contrariedade, mais sen argumentos novos. Inconformismo simplón que por ser oco leva a contrapor por contrapor. Fastío sen sentido.

    Están aqueles outros xeitos que aplican de maneira sesgada, sen contemplar nen o contexto nen o conxunto integrado de necesidades prioritarias na comunidade, e que responden a un dito como “Medro eu, medra Galicia”. Proxectar beneficios sectarios que toman como medida de mellora o que non pasa de ser un proveito puramente individual.

    Pensamento político e ideas con prospección segundo plantexamentos ideolóxicos diversos apenas se fan ver nestes últimos tempos. As estratexias insubstanciais envoltas en si mesmas semellan non ter outro fin que confundir. Discursos repetidos que lembran falar de papagaios porque se reiteran aínda que os temas ou os problemas cambien. Como no filme de N. Pariser, Alice et le maire (2019), é urxente encher de ideas a política para que o nome estea propiamente prendido na pel.

    29 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.