Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Por onde se vai?

    HAI cousas moi peculiares en Galicia que nin sequera os propios –de feito ou de dereito– somos capaces de percibir. Ou polo menos non sempre. Cando nos preguntan por un destino, adoitamos deixar claro o que sería un camiño erróneo: “Ve aquela casa branca ao fondo con cheminea botando fume, despois daqueloutra sen recebar co can ladrando?, pois por alí non”. Ou aparecer co gando e ante a pregunta do foráneo, contestar: “E que eu non son de aquí”. E quedámonos tan anchos que nin sequera lle comentaremos a ninguén a anécdota.

    Sen dúbida, son manifestacións de identidade. Cando algo se fai porque se considera que é o que hai que facer e ademais non se reivindica e ademais non se entende que sexan cousas reseñables e ademais non ocorren en ningún outro sitio, entón son claramente elementos identitarios, de pertenza. “Cada un é da súa contorna ecolóxica” (Gabo).

    Algunha razón deste tipo debe ser a que ampara aos dirixentes cando non sinalizan adecuadamente os camiños a seguir. Xa sexa en cidades como en roteiros de sendeirismo ou lugares de interese turístico. De feito, son moitos os que xa pensan que o Camiño de Santiago está indicado de máis. Case que ninguén se perde. Se Goethe estivese vivo non podería repetir aquilo de que “Europa fíxose peregrinando a Compostela”, xa que é necesario camiñar sobre o incerto para atopar o sorprendente.

    Como se diga o que se diga, cada quen interpretará á súa maneira esta ironía, ou non, e ademais se contamos a verdade mentiriámoslle, é mellor afirmar que “non hai vento favorable para quen non sabe a que porto se dirixe”. E nisto que, aínda que o de “galegos e asturianos, primos hermanos” non é moi crible, é de recibo recoñecer que neste tema algo de parentesco debe haber. Aí vai a proba. Dise en Asturias: “Se non sabes chegar para qué queres ir”. Bo epitafio, si señor.

    29 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito