Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Por se acaso

    SE FOSE en Galicia, estaba claro, clarísimo, no Congreso o outro día, “pasou o que pasou”. Non fai falta darlle máis voltas, os políticos van ao seu e, en moitos casos, o seu é só seu e de ninguén máis. Falaron da familia, das preferencias persoais, da localidade súa, da reforma laboral, de dereitos e obediencias, disciplinas, amores e desamores.

    Algúns din que foi unha trapallada, outros chámanlle á señora Batet “presidenta confusa”, pero hai quen pensa e asegura que a chapuza, aquela marfallada xeral foi como unha derivada do cansazo suorento das súas señorías, que pasan o día, a xornada e a semana, defendendo os dereitos alleos, dos traballadores e das traballadoras, especialmente.

    Estaban cansadas as señorías e parcialmente sorprendidas e desconcertadas ao escoitar que dous líderes de cadanseu sindicato eran os representantes de tódolos traballadores, cando aínda resoaba nos ouvidos de moitos os berros sindicais daqueles outros sindicatos de clase, maioritarios en importantes centros de traballo públicos e privados. Os empresarios, co Goberno, seica eran partidarios do “si”, sen cambiar as comas de sitio. Eles sabían e saben que a ministra, de Ferrol e deputada por Pontevedra, discutía sobre unha cuestión semántica.

    As dereitas deberían estar en favor. Por iso poida que todo responda a unha estratexia perfectamente armada, deseñada e coidada. Para que o PNV votara, igual que os seus rivais, contra o Goberno, necesitaba a seguridade do “si”. Deulla enganosamente Unión del Pueblo Navarro (UPN). E, por se acaso, para que o presidente Sánchez, a vicepresidenta Díaz e o aspirante Casado puideran durmir tranquilos, equivocouse un deputado do PP, un tal Alberto Casero, de Cáceres, que -segundo os medios de comunicación- xa se despistara noutras ocasións.

    Así aprobouse a proposta do Goberno, que chegaba ás Cortes avalada por algúns interlocutores socias e por outros pulcros representantes dos cidadáns militantes da esquerda, da dereita e do carril do medio. En contra estaban, igualmente, varios sindicatos de peso, partidos políticos de dereitas e de esquerdas, mulleres e homes formados e informados, a metade dunha sociedade educada coas tecnoloxías, sufridora do teclado e con moitos dos seu integrantes descoñecedores de todo, absolutamente de todo. Xa o di a Tía Manuela, “o descoñecemento é unha venda nos ollos dos mandados, unha trampa para que se apodere a mentira”.

    09 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito