Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Por un puñado de votos... o desenlace

Se a un alcalde socialista lle ten que facer a campaña electoral o presidente dalgunhas inmobiliarias algo ten que estar facendo moi mal... o alcalde. Dicía o xenial Iriarte na ensinanza moral dunha coñecida fábula: “tenga para su cuidado esta sentencia un autor, si el sabio no aprueba, malo...”

Se en algo ten razón Previturga é en que ao señor alcalde non lle importan os votos, e non é de agora, non lle importaron nunca: só quere o ben para a cidade. Xa o pretendía cando en 2014, segundo publicaron xornais de distintas tendencias (16/06/2014), censou en falso a 250 persoas, contaba a prensa que para amañar unhas primarias, nós que confiamos no seu altruísmo, sabemos que non, que xa entón pretendía o ben para a cidade.

O que intentaba daquela Sánchez Bugallo era que Compostela alcanzara os 100.000 habitantes. Efectivamente, é algo digno de admirar desde o convencemento profundo. A nós prodúcenos un inmenso respecto semellante altura de miras.

É mágoa que ese goberno municipal non poña o mesmo interese en controlar outra actividade económica, que é o aluguer de longa duración ou o aluguer para a estudiantina. O Concello podería esixir algunhas condicións.

Se o grupo de goberno tivera esa arela sen mesura polas familias e polo estudantado, esixiríalles aos propietarios de aluguer de longa duración a mesma calidade que lles esixe aos de apartamentos que aloxan a turistas, e non deixarían que algunhas inmobiliarias traficaran con garitos insalubres sen campás extractoras e nos que en ocasións baixan “cascadas” de auga polas paredes, ou polo menos iso relataban recentemente algúns estudantes na prensa.

Parécelles que as familias e a estudiantina non teñen os mesmos dereitos que o turisteo?

Outra estratexia que podería ter instaurado este goberno municipal sería promover a construción de vivenda para aluguer social ou tamén traballar para conseguir sacar en arrendamento parte das 9.500 vivendas baleiras que se relacionan no Instituo Nacional de Estadística (INE). Así non tería que culpar aos propietarios de VUTs da ineficacia das políticas neste apartado.

Actuacións deste tipo igual lle daban eses votos que, aínda que non lle importan, quizais lle viñeran ben se o que pretende é manterse na alcaldía. Claro que habendo tanta unión na sociedade civil ante un mesmo tema, pouco arrisca o alcalde. Vai contar cos votos de todo o censo, agás quizais cos das 580 familias de propietarios de VUTs. Ten asegurada a maioría absoluta, aínda que... había 5.000 persoas que asinaron un texto no que apoiaban aos propietarios e propietarias de vivendas rexistradas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT). Aínda así ...23 ou 24 concelleiros non hai quen llos quite.

Por outra banda, as familias marcharon para outros concellos moito antes de que “proliferasen” as VUTs, cómpre analizar os motivos con máis rigor. Os estudantes, é o seu, desfrutan da vida como se non houbera un mañá, a pesar dos zulos que lles ofrecen algunhas inmobiliarias, xa o facían, á súa maneira, os de “La Casa de la Troya”.

No que atinxe ás comunidades de veciños, imos ter que aplicar aquelo de “se non queres caldo...dúas tazas”, xa que onde antes había 132 VUTs, serán “vutables” 1267 vivendas, en case todas as primeiras plantas das rúas do Ensanche.

Se lle preguntaramos ás comunidades de veciños, amosaríanse encantadas de que se alugaran apartamentos a ruidosos estudantes? E a familias con bebés que choran? Ou a familias con cans que ladran?... Igual non é moi aconsellable tanto referendo.

No que atinxe ás empresas de hostalería (cafeterías, tabernas, restaurantes...), foron as que en maior número asinaron o devandito texto de apoio aos propietarios de VUTs.

En relación aos consumidores, a calidade das VUTs de Compostela está avalada polas excelentes puntuacións que lle proporciona a clientela a través das plataformas de aluguer e, por outra parte, todas teñen follas de reclamación a disposición dos hóspedes. Tamén as teñen as vivendas que alugan algunhas inmobiliarias?

E os propietarios de VUTs, que cotizamos ao fisco maior porcentaxe do que cotiza calquera outro aluguer e calquera sociedade, por suposto que lle permitimos opinar, xa o leva facendo dende hai meses, pero ao tempo aconsellámoslle que se informe antes de publicitar conclusións. O debate non o embarra quen manexa datos contrastados, senón quen minte, ás veces por ignorancia, outras por mala fe e, en moitos casos, por ambas.

As propietarias e propietarios teñen un convencemento profundo de que non se trata de manía persecutoria, senón de intereses económicos, e, efectivamente, atacar ás familias emprendedoras, que con moito traballo logran mellorar as súas economías, como foi tamén vostede, di moi pouco ao seu favor.

Créanos, isto non é nada persoal contra unha persoa, non lle temos manía, como moito resúltanos “pintoresco” que trate de desenvolver un rol que non lle corresponde.

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.