Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Prestige’, 20 anos de manipulación

    O Prestige foi o comezo da nai de todas as mentiras. Aínda non chegara Trump, e ninguén falaba da desinformación como arma política, e apareceu o chapapote en Galiza para cubrir a nosa sociedade de negro cunha mancha imperecedoira de manipulación.

    As mentiras planificadas de Raxoi, Trillo, Cascos, Aznar, Cañete, Veiga, De Mesa e de Fraga..., non as esquecen miles de galegos e galegas: están ciceladas na memoria como as rochas negras das praias.

    E as novas que algúns medios, sobre todo públicos, e moitos xornalistas e latriqueiros, vertían cun fedor que superaba os tanques do petroleiro, tampouco desapareceron.

    Ninguén pediu perdón. Ninguén se retractou. “Aquí todo o mundo ascendeu, comezando pola redactora Leticia”, afirma o xornalista Xosé Manuel Pereiro. Até houbo medallas de Galiza para algúns implicados, como Cascos. E xornalistas que se deron algunhas homenaxes e medios de comunicación que sanearon as súa contas de resultados. E escribidores que publicaron libros ao ditado.

    Todos seguiron a consigna: “Aquí non pasa nada!”.

    Algúns seguen aínda hoxe instalados no negacionismo. E outros, como o ex conselleiro López Veiga, aquel militante da extrema esquerda, aínda ten a cara de rirse hoxe lembrando. El foi quen preparou a operación para descabalgar a Xosé Cuíña e quen aconsellou a Fraga que marchase de cacería, non fose a ser que se unise aos manifestantes, como quería o político de Lalín e xa fixeran cando a batalla do fletán.

    As mentiras da dereita política e mediatica continuaron, facéndose norma de conducta: primeiro chegou a guerra de Irak e o 11-M e, agora, as escusas para non renovar os cargos do poder xudicial.

    Polo medio, campañas e campañas. Entre elas o accidente de Angrois. En troques de crucificar ao capitán Mangouras, fixérono co maquinista Garzón.

    Non me veñan tampouco con que Nunca Máis foi o antecedente do 15-M. Nunca Máis foi o froito da auto organización dunha nación aldraxada que tiña forzas políticas e sindicais de seu para poñer a andar unha resposta axeitada.

    12 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.