Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Propostas para o Día das Letras 2021

    NUN plenario da Real Academia Galega, obsequióusenos a cada un dos asistentes cunha bolsa de libros, na miña atopei ademais un amplo sobre de Correos cun escrito dirixido a min. O seu contido dicía o seguinte: Lugo, 30 de xuño de 2020. s. D. Salvador García-Bodaño. Real Academia Galega. Ao cumprírense no vindeiro 2021 os cento vinte anos do nacemento de Xosé Mª Crecente Vega, vén de reactivarse unha Comisión (existente xa desde 1996) para promover a dedicación dun Día das Letras para este escritor, comisión da que formo parte a título particular e como presidente da asociación chairega Amigos do Castro de Viladonga.

    En nome de dita Comisión Promotora teño o pracer de remitir un exemplar da reedición, facsimilar da do ano 1933, do libro de poemas CODESEIRA, coa confianza de que poida axudar a recoñecer os méritos literarios, e humanos, do citado autor de Castro de Rei, un dos máis eximios representantes da chamada e ben coñecida Escola Poética do Seminario de Mondoñedo. Cos meus cordiais saúdos. Felipe Arias Vilas. Ex-director do Museo do Castro de Viladonga. Membro do Padroado do Museo do Pobo Galego. E profesor-investigador ad honorem na Facultade de Humanidades de Lugo (USC). E, así, remata a suxestión remitida.

    Xa por estas datas revélanse presentacións para o Día das Letras 2021 como a personalidade literaria e tradutora de Xela Arias, citada dende a Biblioteca Virtual Galega e nacida no 1962 en Lugo, se ben pasaría a vivir en Vigo, cidade onde realizou os estudos de Filoloxía Hispánica e onde faleceu o 2 de novembro de 2003. Vencellada a Xerais dende os inicios da Editorial en 1979, estreouse no mundo literario con Denuncia do equilibrio (1986) poemario innovador co que foi finalista do Premio Losada Diéguez.

    No 1990 publicou, en colaboración co seu marido o fotógrafo Xulio Gil, Tigres coma cabalos, obra de grande repercusión na que se mesturan poemas e espidos da autora. O libro trasmítenos unha mensaxe a prol da sinceridade e da procura dos sentimentos máis básicos. En Diario a diario (1996) a poeta ofrece unha reflexión sobre a súa propia experiencia maternal. O seu derradeiro poemario, Intempériome, foi editado o mesmo ano da súa morte por Miguel Anxo Fernán Vello.

    A súa obra poética tamén se publicou en libros colectivos como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas. Alén da súa palabra poética, Xela Arias dedicouse á tradución para a nosa lingua de diversos autores como Joyce Fehnimore Cooper e Fernández Flórez. Escribiu varios relatos, algúns deles incluídos na obra Contos eróticos/elas (1990). Foi finalista do Premio Esquío de Poesía (1986) con Lili sen pistola, obra que aínda permanece inédita.

    Entre outras candidaturas que chegaron dende distintas institucións ou que xa soaron estas semanas, están: Antón Tovar, Florencio Vaamonde Lores, Ramiro Fonte, Xosé Agrelo Hermo, Florencio Delgado Gurriarán, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo... Haberá máis.

    06 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.