Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Propostas parciais e carentes de empuxe

    TENDO en consideración o progresivo retroceso da nación galega respecto do Estado español, tanto en relación co PIB como en termos de povoación e emprego, non só por solidariedade senón tamén en termos de xustiza, as axudas do Next Generation deberían ser importantes e impulsar a actividade económica de Galiza. Deste xeito poderíase eliminar no futuro inmediato o papel subalterno que xogamos no eido da economía, da política. Mais alén das boas palabras, das reunión seica positivas, despois na práctica os principais proxectos que apoia a Xunta, ou ben foron en principio rexeitados ou están pendentes dunha decisión nada clara por parte dos organismos estatais. Unha actitude que choca co apoio total que o Governo central fixo respecto doutros proxectos de industrialización, noutras nacionalidades autonomías, e que amosa unha actitude submisa do Governo galego en termos de competencias, de defensa da identidade...

    Polo tanto, sendo positivo que a Xunta manifeste seu descontente, resulta evidente que obvia a cuestión de fondo o aspecto estratéxico, máxime cando os antecedentes amosan que non valen ren os comunicados e roldas de prensa, porque non abonda para que o Governo central modifique a súa postura discriminatoria (por interese propios, por que hai reivindicacións máis contundentes por parte doutros suxeitos políticos...). Daquela, se en verdade se quere cambiar a situación para levar adiante uns proxectos que son esenciais para Galiza, máxime nesta conxuntura tan complexa e decisiva, o PP e Rueda e a súa equipa teñen que poñer máis carne no asador, e mobilizar o país, convocando a todas as forzas sociais, económicas e políticas. Non será que lle teñen máis medo a cuestionar o sistema, e a intereses corporativos, que a perder achegas que son necesarias e urxentes non para avanzar, así como para evitar novos retrocesos na actividade económica, no emprego, e no papel que cumprimos na cadea de valor?

    Non se pode ignorar que a nación galega non só expulsa emigración cualificada, senón que ademais exporta moito máis capital do que se inviste dende o exterior, e ademais moitas das empresas máis dinámicas están hoxe en mans de corporacións foráneas. Ou sexa, que non se trata só do medre do PIB, senón tamén e fundamentalmente como se reparte na sociedade e que carácter ten o intercambio comercial e o movemento de capital con outros territorios. De pouco vale mellorar en infraestruturas e servizos públicos se estes avances non van acompañados dun crecemento da actividade económica, de procesos produtivos con alto valor engadido, e do reinvestimento dos excedentes no país. Xa que os efectos positivos serían conxunturais.

    Polo tanto, trátase de valorar todos estes aspectos como un conxunto, xa que este é o único xeito de recuperar o papel que nos corresponde polas nosas riqueza potenciais, polo grao de formación da mocidade, mesmo polo nosa situación xeográfica estratéxica. Sobran os argumentos, a cuestión é: cal é o grao de coherencia da Xunta, de todos os partidos? Até onde teñen un proxecto político, económico e social que rache co atraso e aposte decididamente polo desenvolvemento, a xustiza social e o autogoverno? Se valoramos as últimas décadas, ou sexa a práctica, os resultados son decepcionantes en relación coa Xunta e os partidos de ámbito estatal... Cómpre máis coherencia e atrevemento.

    16 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito