Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Protección de datos

    TODOS deberiamos ser conscientes de que vivimos nun mundo totalmente tecnolóxico onde a descarga de datos persoais a través das redes se realiza de forma masiva e constante e onde cada vez temos menos control sobre o uso que se fai deles. O 6 de decembro de 2018 entrou en vigor a lei orgánica de protección de datos e garantía de dereitos dixitais que establece os requisitos e as obrigas das empresas sobre como proceder coa información persoal así como os dereitos que asisten tanto aos usuarios como aos consumidores.

    Fago referencia a ela porque creo que cómpre que tomemos conciencia sobre a importancia de protexer estes datos nun momento en que numerosas empresas e entidades de distinto ámbito, co obxectivo de preservar a saúde dos seus traballadores, se lanzan a mercar cámaras térmicas de control de temperatura, algunhas con opción de videovixilancia e recoñecemento facial, para evitar o contaxio do covid-19 pese a que hai asintomáticas e sen febre que tamén son portadoras do virus.

    De entrada, a algúns pode parecernos unha boa medida para saber quen ten febre e quen non e impedir o acceso ás posibles persoas contaxiosas. Non obstante, se o pensamos detidamente, descubriremos que a maioría destas cámaras levan integrada a posibilidade da videovixilancia en espazos públicos, o que implica que empresas alleas a nós nos vixían ademais de rexistrar unha serie de datos persoais extremadamente sensibles e privados como son todos os relativos á nosa saúde, que se acumulan e que se fan públicos. Poñamos un exemplo concreto.
    Imaxina que es ti o que está na cola cun comercio, que che toman o control de temperatura e dás positivo. Aínda que non teñas covid-19 e como medida de precaución, prohíbenche a entrada. Como reaccionarías? E... que acontece con eses datos? Como se van utilizar nun futuro? Para que? Canto tempo se se gardan? A quen se lle comunican esas conclusións?

    Aínda que a Axencia Española de Protección de datos xa amosou a súa preocupación pola instalación en centros públicos destas cámaras térmicas de videovixilancia, cómpre indicacións claras tanto no relativo á protección de datos no uso destes dispositivos como indicacións desde o punto de vista sanitario.

    Mentres, cómpre lembrar que vivimos nunha sociedade onde a protección dos datos de carácter persoal é un dereito democrático que deben e debemos preservar e que, no caso concreto das cámaras térmicas de videovixilancia, contamos con outra opción moito menos intrusiva: os termómetros eléctricos.

    24 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.