Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

PSdeG: non perdeu Gonzalo, senón Abel

    NAS pasadas eleccións non gañou o PP, senón o PPdeG, tampouco perdeu o PSdeG, senón que perdeu o PSOE. Na campaña non existiu o PP, senón un PPdeG, sen siglas pero coa súa maquinaria a tope, representado polo candidato Núñez Feixóo, e un slogan.

    O PSdeG non compareceu. Mal o pode facer porque segue a ser  unha arela de algúns militantes, un laio logo dos resultados electorais..., e unha tradición familiar con Madrid de referencia.

    Non se deron conta de que a estratexia que funcionara nas eleccións xerais, nas que o PSOE derrotara ao PP, ía fracasar nas eleccións autonómicas, pois a confrontación política dirimíase en clave galega. En Ferrand si que o sabían, pero andaban a súa e apostaban contra Casado.

    O PSdeG, nos seus 43 anos de historia, funcionou sempre coma un partido municipalista, localista, no que os seus chamados baróns están máis preocupados de conservar o seu poder territorial que de construír unha verdadeira alternativa ao PP, do que botan man cando lles interesa tanto en Madrid como en Galiza. Non hai máis que ver as mocións de censura de ambos contra as alcaldías do BNG.

    Moitos destes líderes municipais e provinciais, non só se inhibiron na campaña de Gonzalo Caballero, senón que xa o tiñan sentenciado antes de coñecerse os resultados do 12-X. O recente Comité Nacional só foi a última constación. Non apareceu ningún alcalde das cidades e dos 111 mandatarios só compareceron 22.

    Nin conquistando a Xunta deixarían de furgar contra Gonzalo Caballero, como lle pasou a Pérez Touriño. A que non Pachi Váquez?

    Gonzalo Caballero está a pasar polas mesmas que pasou Xaquín F. Leiceaga hai catro anos. Lémbrome daquel mitin de Vigo, 14 de setembro do 2016. Eu estaba co candiato Leiceaga, ninguén do partido o arroupaba. Chegaron os de Madrid con Pedro Sánchez, con eles o alcalde de Vigo e a presidenta da Deputación, entraron pola porta principal e o Xocas subiu como un militante máis.

    Ollei para el e non fixo falta que nos dixéramos nada.

    31 jul 2020 / 23:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.