Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Putin e os rusos

    AS barbaridades cometidas por Putin en Ucraína están a recollerse lentamente con probas que mostran a magnitude do sucedido. Segundo o informe presentado ante a Comisión de Dereitos Humanos da ONU por tres expertos independentes, Rusia ten cometido crimes de guerra. Entre outros, bombardeos de zonas civís, execucións, torturas e actos de violencia sexual.

    Ao presentar a información recollida ata o de agora, o xefe do equipo de investigación –Erik Mose– amosouse impresionado polo número de execucións nas zonas visitadas e os frecuentes “signos visibles de execucións nos corpos, como mans atadas ás costas, feridas de bala na cabeza e gargantas degoladas”.

    O recente nomeamento do xeneral Serguéi Surovikin como xefe das tropas rusas en Ucraína, coñecido como o carniceiro pola súa crueldade, é unha proba máis do que Putin está disposto a facer para acadar os seus obxectivos.

    Se ampliamos o foco a como Putin está a gobernar Rusia a súa actitude, como o que ten na cabeza aplícao a todo, tamén é desoladora. A liberdade de opinión e asociación nunca existiu en Rusia durante o seu mandato, por moito que o sistema, nominalmente, sexa unha democracia. Para decatarse, basta repasar o número de persoas que foron encarceradas, despois de ser declaradas culpables aducindo sen máis que estaban ao servizo de potencias estranxeiras. Ou envelenadas, como Navalni ou Roman Abramovich.

    O trato de Putin aos rusos que non forman parte da estrutura do poder –que son a maioría– son cidadáns de segunda clase en todos os ámbitos: social, económico e político. E no momento de mandalos á guerra vale todo, dende dicirlles que van a unhas manobras militares ata mandalos sen preparación nin equipamentos.

    As colas de coches e camións de homes en idade militar para fuxir de Rusia a Xeorxia e Mongolia pola estrada antes de que Rusia pechara as súas fronteiras, como amosaron imaxes de satélite, foron quilométricas.

    A información publicada polo New York Times sobre as numerosas gravacións que os servizos de intelixencia ucraínos fixeron a soldados rusos cando falaban por teléfono con familiares a amigos, tamén son demoledoras.

    As conversas interceptadas son miles e hainas de todo tipo. Moitas apuntan aos cimes de guerra cometidos, como “dannos ordes de matar a todo o que vexamos”, “hai cadáveres por todos lados, os civís están tirados por aí”, ou “todo foi saqueado e bebeuse todo o alcohol”. Outras reflicten a desesperación dos soldados rusos: “temos perdido a metade do noso rexemento”, “dixeron que íamos a un adestramento, estes cabróns non nos dixeron nada”...

    Que Putin é un perigo para os ucraínos xa o sabíamos, pero tamén para os rusos.

    29 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito