Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Que opinan da ciencia os españois (e os galegos)?

É unha práctica habitual do xornalismo facer nos comezos de ano un balance do máis salientable do que acaba de rematar. No relativo á ciencia española, estimo que un feito importante que case pasou desapercibido, foi a publicación no mes de xullo de 2022 da Encuesta sobre la Percepción Social de la Ciencia y Tecnología-2020. É unha avaliación que se publica bianualmente desde o ano 2002, que realizou a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e na que o traballo de campo deste ano se facía nun período especialmente singular (xullo a outubro do 2020), que correspondía ao momento en que comezabamos a albiscar a saída do pesadelo da covid-19. De algún xeito, pode considerarse tamén como complemento da realizada pola Fundación BBVA, que foi comentada neste mesmo xornal por Senen Barros hai moi poucos días.

Unha axustada síntese do que se recolle nas máis das catrocentas páxinas da enquisa dinos, p.e. que o interese xeral pola ciencia, despois dun período dunha certa estabilización desde o ano 2012, baixou inexplicable e precisamente neste ano 2020. En Galicia, as cifras son aínda maís baixas xa que, xunto coa Comunidade Valenciana, amosan o menor interese pola ciencia de toda España. Ao analízalo segundo os temas científicos que máis lles preocupan aos españois, aparecen en primeiro lugar os relativos á medicina e a saúde, seguidos polos da alimentación e o ambiente. E, como non podía ser menos e dun xeito máis concreto, todo o relativo á covid-19 destaca como o tema estrela das nosas preocupacións pola ciencia.

Á hora de valorar a imaxe social que se ten do mundo científico, hai un 43% da poboación que a considera positiva, fronte a un 13% que declara que é negativa, neste caso como consecuencia sobre todo dos riscos que se poden xerar, de entre os cales os derivados da enerxía nuclear serían os principais para un 72% das persoas consultadas, seguidos dos da robótica (48%) e a intelixencia artificial (31%). Tamén, nunha posición bastante máis atrasada, aparecen os riscos derivados dos parques eólicos, cunha relativamente pequena porcentaxe do 11%.

En Galicia, a percepción destes riscos é só lixeiramente superior á media española. Como solución máis acaída para facerlle fronte a estes riscos, unha grande maioría (85%) está convencida de que o principio de precaución (actúar cara a un determinado risco, aínda que non se teñan todos os datos científicos precisos) sería a mellor alternativa.

Ademais, fronte ao que comunmente se pensa, a internet non é o medio de comunicación principal sobre as cuestións científicas para a poboación española, senón que a TV segue a ser para o 72% das persoas enquisadas o medio polo cal se enteran preferentemente das novas científicas, seguido da internet (61%) , a radio (41%) e a prensa escrita (34%) e xa a bastante distancia, os libros (16%). Este predominio da TV con respecto aos outros medios foi máis acusado coas novas correspondentes á covid-19. Aínda que a internet foi desde 2002 o medio que máis medraba, a partir do 2012 este crecemento estabilizouse e mantívose, cando menos ata hoxe, por debaixo dos valores acadados pola TV.

Este interese pola ciencia, ademais do coñecemento que se poida adquirir dela polos medios de comunicación e os sistemas de ensino, deberían de traducirse para a poboación en xeral, sexan de ciencias ou de letras, nun determinado nivel mínimo de coñecementos que comunmente denominamos a “cultura científica”.

Nesta consulta tamén se fai unha avaliación dela cunha serie de preguntas, como son p.e. a de se “os antibióticos actúan contra os virus” ou de se “o buraco de ozono afecta ao cambio climático”. Como resposta a estas preguntas, a maioría da poboación tivo un nivel de acerto do 63 ao 64%, o cal, no contexto europeo, non era moi desfavorable. En Galicia, os acertos foron só lixeiramente inferiores, pero en cambio xa non resultaron tan doados coa resposta á elemental pregunta de ciencia básica de se “o sol xira arredor da terra”, onde as contestacións equivocadas foron do 22%, case o dobre do conxunto medio español, que estaba no 12%. Este dato debería facernos reflexionar, porque nos está a sinalar que un de cada cinco galegos aínda se atopa na Idade Media científica.

Que está a pasar nunha comunidade na que o nivel de asistencia aos museos científicos é superior á media española (datos desta sondaxe) e a divulgación da ciencia ten niveis moi aceptables? Será, quizais, que falla o ensino científico regulado? Terá que ver co desinterese pola ciencia que tamén amosou esta enquisa? Non é doado contestar á pregunta con só os datos de avaliación da FECYT, na que, por outro lado, o conxunto da mostra foi só de 465 persoas do total das 7.953 do Estado. Pero tampouco é un resultado que haxa que esquecer, cando estamos diante dunha sondaxe que ten xa unha boa tradición e un nivel metodolóxico e de solvencia axeitado. Cando menos, debería levarnos a formular a cuestion de se en Galicia a cultura científica é certamenete outra das materias pedentes do país.

11 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito