Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Que se levarán como recordo os famosos que visitan a nosa cidade?

Grazas aos televisores de plasma. Grazas porque a aparición no seu momento das pantallas planas fixo que nos liberaramos desa costume decorativa un tanto dubidosa de poñer enriba do aparato todo tipo de figuriñas que nos traían ou mercabamos nas viaxes como recordo da visita. Máis alá da típica flamenca e o touro co que os estranxeiros identificaron dende sempre todos os puntos de España, canta xente tería un Apóstolo ou unha cuncha adornando a súa casa?

Por sorte, o mercado dos souvenirs cambiou moito nos últimos tempos, ata poder chegar a converterse nunha bonita xornada de compras. Ou non sei se será que eu son moi fan deste tipo de produtos e moito desfruto coa súa modernización. Hai uns días deixouse ver por Santiago David Bustamante e pregunteime algo tan absurdo como se esta xente se levará algo en lembranza do seu paso pola nosa cidade. A ver, no caso do cántabro igual non ten moito aquel imaxinarse que lle podería gustar, pero se falamos do actor americano Mel Gibson, que se paseou polas nosas rúas en agosto do ano pasado (de incógnito, iso sí, e senón que llo digan ás miñas compañeiras Elena Pita e Iria Martínez), pois xa me causa máis graza poñer por caso que poida haber un botafumeiro no seu casoplón ou que leve colgado nas chaves un chaveiro cunha frecha amarela, se é que estes personaxes andan con chaves claro.

OS NOVOS SOUVENIRS. É certo que houbo unha certa polémica en Santiago pola proliferación de tendas de recordos na zona vella, en detrimento doutra clase de comercio. Alomenos este tipo de establecementos e o seu contido foi evolucionando de maneira que cada vez son máis interesantes e, ao meu parecer, máis agradables de ver. E é que, como dicía, estes artigos xa non son o que eran, xa non están feitos para gardar nun caixón ou colocar sen xeito polo fogar adiante. Agora, como ben di o empresario compostelán Manuel Villar, que conta con dúas tendas e distribúe a outras da cidade, xa son detalles “moito máis agradecidos”. “Aos turistas gústalles mercar cousas prácticas que antes non había, como tazas para o almorzo ou camisetas que se poden poñer en calquera momento. Antes todo estaba relacionado co botafumeiro e o Apóstolo”. Curiosamente tamén chaman moito a atención as limas de unllas con motivos relacionados con Santiago ou o Camiño e as orixinais libretiñas (que a min paréceme o mellor invento). Os imáns, cuns deseños cada vez máis apetecibles ou coidadas pulseiras que podes lucir como se non se tratara dun souvenir (pero quizais sí dun bonito recordo con alguén, ou dun momento...) son outros dos artigos que máis éxito soen ter.

NOVIDADES EN TEMPO DE ESPERA. Iso sí, agora mesmo cando falamos do éxito de vendas case que nos referimos a tempos pasados, porque o turismo neste ano de pandemia foi máis ben escaso na capital galega e iso, ademais de afectar á hostalería e hospedaxe, tamén perxudicou claramente a estes negocios. Con tal panorama non quedou máis remedio, di Manuel Villar, que “pospoñer as novidades que íamos presentar en canto a novos deseños de camisetas, tazas, etc. para o ano que vén, aínda que seguimos expectantes co que poida pasar”. E recordemos que o vindeiro 2021 é Ano Santo, co cal a cantidade de produtos programados con motivo de tal celebración é de peso. Aínda así, “os souvenirs non son modas tan pasaxeiras, polo que o que temos gardado vai valer para máis temporadas, o peor é para outro tipo de comercialización como a roupa”. Efectivamente, despois de agardar once anos polo Xacobeo, igual hai que poñerse a rezar con algún deses rosarios en man que seguen a ser tan demandados, porque xa sabe iso de que nunca está de máis a axuda divina.

Se se dera o caso non sei que mercaría Mel Gibson, pero eu teño a porta da neveira chea de imáns e acostumo buscalos en forma de bolboreta, polo que me leva a miña dedicación tal cometido cando viaxo. Gústame o mundo dos recordos, sobre todo dos que gardo na memoria, pero por se me falla sempre hai algo que me devolve a un preciso momento. Ogallá aos nosos visitantes lles pase o mesmo con Santiago.

20 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito