Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Quino, a salvo

    JOAQUÍN Salvo Pastor, coñecido nas canchas como Quino Salvo, foi seguramente o baloncestista máis audaz e singular que ten dado Galicia, con permiso de xogadores importantes como Fran Vázquez, Fernando Romay ou os Alberto Abalde. Dixeron del durante varias tempadas que era o único capaz de parar a Epi e deixou ver a súa visión e capacidade en partidos cos Brabender, Solozábal, Sibilio ou Biriukov. Naceu en Vigo en 1958, e tivo no Obradoiro compostelán o seu primeiro equipo profesional.

    Os logros deportivos de Quino foron notables: disputou douscentos e pico partidos na liga ACB e xogou en equipos de Santiago, Zaragoza, Valladolid, Madrid... Tivo tamén unha carreira discreta como adestrador, pero cun éxito brillante no Cantabria Lobos, un equipo de Torrelavega que nunca soñou cun título e que gañou con Salvo a copa Príncipe de Asturias en 1997.

    Seguramente todo isto importaría relativamente pouco hoxe se non fora porque Quino foi un home diferente, que viviu o baloncesto e todo o demais ao seu xeito –un xeito enfebrecido, nobre e arroutado– e que deixou unha pegada duradeira en todos os que o trataron. E se non fora tamén porque a súa vida é o asunto dun libro estupendo: A Salvo, do xornalista e ex xogador Tomás Alonso. Para os que somos afeccionados intermitentes e pouco fieis aos deportes, o libro tería un interese limitado se falara unicamente de baloncesto. Pero A Salvo é o retrato extraordinario dun ser humano e vai envolvéndonos coas anécdotas e as peripecias do protagonista: en pequenos capítulos, o autor debulla a historia dun xogador que se iniciou cos salesianos de Vigo e percorreu toda España –de Huelva a Menorca, de Girona a Marín– facendo o que mais lle gustaba facer, que era xogar e falar de baloncesto.

    Co seu sentido do humor e a súa eficaz ironía, o libro de Tomás Alonso case logra enganarnos, porque nos divirte, mais o que queda despois da súa entretida lectura é moito mais que a historia dun xogador: é un pouso melancólico , a sensación de termos achegado a unha vida apaixoada, vehemente e cun final pouco feliz. Un tumor cerebral irreversible, a depresión e algúns excesos acabaron con Quino na primavera de 2016.

    Quino era un home de trato franco e directo, bo manexador de grupos humanos e un bebedor social que estreitaba lazos arredor dunha cervexa. Conta o autor do libro que nos anos finais de Quino como profesional foi aparecendo un novo estilo no negocio do baloncesto, no que as relacións humanas cambiaron na súa forma e no seu fondo. Os despachos , os representantes, as decisións gobernadas por intereses economicos ou publicitarios foron deixando pouco sitio para personalidades como Quino Salvo, forxado na mística da entrega e a nobreza dos vellos tempos.

    Un xogador que fixo felices a moitos e so se fixo dano a si mesmo, escribe Tomás Alonso . Un libro que encerra leccións de baloncesto e de vida.

    13 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.