Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rebrotes verdes

    SUPERADO o confinamento e a desescalada, sumerxidos xa nesa nova normalidade que rixe unha vez rematado o estado de alarma, gravamos agora cautelosos un novo termo para esta cantidade de novo vocabulario que durante meses nos leva acompañando en titulares de xornais e en comparecencias, formando parte xa das nosas conversas do día a día. Engadimos nesta etapa outro concepto, que a bo seguro vai formar parte das nosas vidas (aínda que ogallá cun mínimo protagonismo): rebrote.

    Non se cansan as autoridades, sanitarias e políticas, de repetir e lembrarnos que o coronavirus non está erradicado e que non queda outra que convivir con el con responsabilidade persoal. No debuxo deste mapa actual atopamos pinceladas aínda de preocupación porque se volvan repetir contaxios elevados nos vindeiros meses, e máis cando as medidas impostas xa son as menos e as particulares brillan moitas veces pola súa ausencia. Nalgunhas zonas do mundo, algunhas non tan lonxanas, xa se viron obrigados a reformular a situación cunha volta a certas restricións para que a cousa non se descontrole, despois de todo.

    O debate que abriría un rebrote grave ao redor da posibilidade de volver paralizar España para intentar manter a raia unha pandemia xa se está antollando complicado dende xa. Fatídico para a economía, xa mermada de por sí. Venme á memoria aquela famosa expresión dos brotes verdes que xurdiu do Goberno de Zapatero para vislumbrar tempos mellores cando a crise do 2008. Uns brotes aqueles que, pasados os anos, aínda non chegaron a agromar para moitos.

    Á marxe de que Google se canse de explicarche marabillosos ingredientes para ensaladas, vaian dous desexos sobre esa maneira política de referise á recuperación: un, que se repita o do 2008 e esta vez tampouco asomen demasiado os rebrotes verdes en canto ao aspecto sanitario. No eido económico, ogallá que esta vez sí, que nazan con forza para todos e reluzan coma nunca. E que sexa rápido, claro que para iso estaría ben regar todos coa mesma auga.

    05 jul 2020 / 00:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.