Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reflexión sobre o conflicto Rusia-Ucrania

    NESTES días, convulsos e preocupantes a nivel mundial, infelizmente só se fala da guerra Rusia-Ucrania. Terrible, comezada por alguén que non debe estar ben da cabeza ou carece de corazón, porque se as razóns son outras, como ocultar os problemas económicos e sociais do seu pais, aínda é máis despreciable. Como é posible que se mande a persoas ben pertrechadas, non sei se entrenadas, disparar contra outras desarmadas, contra vellos e nenos...?

    Nesta ocasión pasounos como coa covid-19, pensábamos que no século XXI non se volvería atrás. Pero como se ve, non é así, o ser humano é cego e xordo e, cada vez máis, mudo, xa que políticos e diplomáticos non son quen de resolver os problemas conversando.

    Esperábamos que as guerras acabaran algún día e que volver aos tempos do telón de aceiro non era posible. Con todo, analisandoo ben non debía ser tan sorprendente, cando conflitos como os da rexión de Oriente Próximo, os do Magreb, ou o do Sahara, que levan anos degradando e inhumanizándo persoas, criando nenos con armas na man... non parecen alterar a opinión pública, a que agora se escandaliza por esta situación ruso-ucraniana. Onde estaban antes esas persoas tan fariseicamente preocupadas?

    É evidente que unha guerra que ocorre diante das cámaras de TV séntese máis próxima e apaga todo o resto, ata o punto de que parece que a covid desapareceu. As noticias sobre contaxiados, ingresados e mortos por ela danse brevemente, como se xa non tiveran importancia. Quen gaña con que as cousas transcorran deste xeito? Canta manipulación no mundo libre! Como será no outro ao que nos atrevemos a criticar?

    Repítense unha e outra vez escenas de mulleres cos seus fillos fuxindo do frente, de pais chorosos (os homes tamén choran) nas estacións de ferrocarril despedíndose dos seus, quen sabe se para sempre? Triste, terrible! Agora ben, pasar as mesmas caras e as mesmas imaxes varias veces por día nas cadeas de TV, non estará axudando a que tamén nos habituemos a esta guerra? Outra maneira de manipular?

    Bótase de menos unha análise profesional e seria de este e de todos os conflictos bélicos. Sería interesante coñecer os verdadeiros motivos, o interese dos vendedores de armas, dos fabricantes de enerxía para que a súa se distribúa mellor e a prezos máis convenientes ou a provocar crises económicas para que uns países estexan máis sometidos, en definitiva, de non deixar levantar cabeza para que as persoas pensen menos, para que non teñan interese na educación e na cultura, non vaia ser que o coñecemento lles axude a despreciar a eses falabaratos que os hipnotizan para poder gobernar.

    Se os políticos foran intelixentes nunca, nunca tolerarían entrar nunha guerra, porque como me dixo o meu avó nunha ocasión que lle preguntei pola Guerra Civil española: “Nena, nas guerras pasa como nos xulgados, ata os que gañan perden”. E se é así, porque hai guerras, avó? “Porque hai persoas intolerantes que queren impoñer as súas ideas á forza”, respondeu cos ollos cheos de auga.

    Que mágoa que Putin e outros gobernantes de cariz semellante non puideran ter unha conversa co meu avó...

    11 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito