Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reforma laboral, unha de cal e outra de area

    A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, daba como data límite da negociación da nova reforma laboral o vindeiro mes de outubro, aínda que noutras intervencións do Governo falase de finais deste ano. Esta reforma tería como obxectivo emendar a que fixera o PP na etapa de Rajoy. Ademais o novo texto xustificaríase pola necesidade de inserir modificacións que regulen novos aspectos das relacións laborais. Agora ben, na práctica permitiu adiar a derrogación do texto en vigor máis de ano e medio. Agora, a reforma estará moito máis condicionada pola UE, dado os compromisos contraídos polo Governo para acceder aos fondos Next Generation. Bruxelas esixe a redución da temporalidade e unha maior flexibilidade nas condicións de traballo na empresa. Este último aspecto non é doado de conxeniar cunha mellora da situación laboral da clase traballadora.

    A proposta que se está a barallar, por parte do Governo, é que os contratos cunha actividade estacional podan ter o carácter de fixos descontinuos, como hoxe sucede no sector da conserva e nas campañas de recolleita no agro. O contrato fixo descontinuo xustifícase dende o Ministerio pola necesidade de realizar tarefas moi extensivas en man de obra durante un determinado período do ano, e garantir que o traballador/ra teña continuidade ano tras ano. Polo que, cando remata a tempada de traballo suspéndese o contrato, o que permite ao traballador/ra buscar outra ocupación laboral ou cobrar o desemprego se se cumpren os requisitos. Consideraríase un contrato indefinido en caso de despedimento improcedente, aínda que só se terá en conta o tempo real traballado. Ou sexa, que neste tipo de contratacións daríase unha seguridade de continuidade, mais cunha garantía de traballo limitado á campaña ou obra. Para o Governo ten a vantaxe que a efectos estatísticos diminuiría a temporalidade, cumprindo así cun dos obxectivos marcados por Bruxelas.

    Mais, esta medida non soluciona o problema de fondo: o aumento dos lucros empresariais a costa dos baixos salarios e de horas extras polas que non se paga e cotiza, xa que a alta porcentaxe de desemprego e o medre da precariedade é consubstancial co propio sistema. E no Estado español esta tendencia acentuase pola forte taxa de man de obra de reserva, a extensión da xornada laboral, a fragmentación da clase traballadora, e unha lexislación que a través das últimas reformas laborais e da Lei Mordaza, debilitou ao movemento obreiro organizado. Daquela que entre 2008 e 2018 a clase traballadora, máis do 80% da povoación ocupada, pasase de ingresar un 46,4% do PIB ao 43,9%, na nación galega, outro tanto sucede no Estado español. Tampouco se pode obviar que ao mesmo tempo medrou a desigualdade social, e creceu a estratificación nos ingresos nas persoas que traballan por conta allea.

    Polo tanto os cambios que se propoñen como unha resposta á temporalidade son unha “tirita” na ferida, que non solucionan o problema de fondo: o reparto do traballo e da riqueza producida. Unhas reformas que mesmo poden resultar ao final regresivas. Todo dependerá do que implique na lexislación unha maior “flexibilidade” das tarefas que desempeñe na empresa a persoas contratada. O Governo non concreta nas declaracións públicas este aspecto, que é fundamental.

    Calquera trato xusto nas relacións laborais pasa necesariamente por poñer límites á globalización neoliberal, ou sexa, á concentración e centralización da riqueza e do poder, e terminar coa chamada economía de escala, dando prioridade especialmente nos produtos esenciais á economías autocentradas e sustentábeis. Algo que tamén é esencial fronte ao cambio climático, as pandemias, etc, polo que implica de redución da mobilidade e consumo de enerxía... É dicir, cómpre un reparto xusto do traballo e da riqueza, tanto entre a clase traballadora e o capital, como dentro deste último. O neoliberalismo afoga a moita empresa local e esta para sobrevivir fai o propio co derradeiro elo da cadea produtiva e a máis esencial, a clase traballadora. Isto non resta importancia á que a filosofía do capital sexa a de aumentar a taxa de beneficios a toda costa.

    Nesta conxuntura, e con esta correlación de forzas, as medidas máis efectivas para reducir o desemprego e a precariedade, e mellorar os salarios, pasa por derrogar as reformas laborais do PSOE e do PP, e a Lei Mordaza, por aumentar o SMI, e perseguir a realización de horas extras non xustificadas (por causas excepcionais). Trátase de garantir que o crecemento da produtividade se traduza nun aumento de salarios e nunha rebaixa progresiva da xornada laboral. Isto aumentaría e transformaría o consumo en beneficio da produción local e nacional. Outro paso adiante importante, é que: todo traballador ou traballadora en situación de desemprego ingrese unha achega económica do Estado a cambio de traballo social e formación profesional. Evitaríanse situación de estrema marxinación, e de perda de toda auto-estima, impediríase que a enorme man de obra de reserva existente hoxe se utilice por algunhas empresas para impoñer condicións de traballo de máxima explotación, ignorando convenios e lexislación. Non é xusto que o 80% dos que traballan só ingresen un 43,9% da riqueza producida!!! Para transformar esta realidade tan preocupante non vale con boas palabras e botar unha de cal e outra de area.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    09 sep 2021 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito