Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Relendo sobre da liberdade

    COMPRE lembrar que liberarse significa, literalmente, desfacerse das ataduras que impiden ou constrinxen o movemento, comezar a se sentir ceibe de actuar e se mover. Para Marcuse, o problema, ven dado pola carencia dun sustento das masas. Sentirse libre implica non atopar estorbos, obstáculos, resistencias de ningunha caste que impidan os movementos desexados ou que poidan chegar a se desexar. Seguindo o que xa observara Arthur Schopenhauer, a realidade é creada polo acto do desexo; a empecinada indiferenza do mundo ás nosas pretensións, é dicir, a reticencia do mundo a se someter á nosa vontade, devólvenos a percepción do mundo real: restritivo, limitante e desobediente. Sentírmonos ceibes de restricións, libre de actuar segundo o propio desexo, implica acadar un equilibrio entre os desexos, a imaxinación e a capacidade de actuar: sentímonos ceibes sempre e cando a nosa imaxinación non exceda nosos verdadeiros desexos e nin unha nin os outros excedan a nosa capacidade de actuar. Ou sexa que o equilibrio pode acadarse e se conservar inalterábel de dous xeitos diferentes: o, recortando o desexo e/ou a imaxinación, ou ampliando a capacidade de acción.

    Tal alternativa permítenos diferenciar entre liberdade subxectiva e liberdade obxectiva, ou como entre necesidade de liberación subxectiva e ou obxectiva non emerxa (tal que o pensaba Sigmund Freud pola presión exercida polo principio da realidade sobre do principio do pracer humano) e que as intencións, xa ben sexan reais ou tan só imaxinarias, sexan reaxustadas para adaptalas á capacidade de acción, de actuar de maneira razoábel con certa posibilidade éxito. Tamén pode ocorrer, contrariamente, que ao través da manipulación directa das intencións non se chegue xamais a poñer a proba as capacidades obxectivas de actuación e menos aínda a pescudar cales son, poñendo o nivel das aspiracións por baixo do da liberdade obxectiva.

    A distinción entre liberdade subxectiva e obxectiva puxo ao descuberto –para Bauman– unha serie de cuestións de variada máis tamén significativa relevancia filosófica e potencialmente enorme transcendencia política. Neste caso atopámonos con que unha desas posibilidades, segundo se ten sinalado, foi a cuestión de que o que experimentamos como liberdade non o sexa en absoluto; que as persoas poidan non estaren satisfeitas do que lles toca aínda que diste moito de ser “obxectivamente” satisfactorio; que, por exemplo, vivindo na escravitude se sintan ceibes e polo tanto non experimenten ningunha necesidade de se liberar, renunciando a toda posibilidade de acceder a unha liberdade xenuína. O corolario deste razoamento –entendido como xuízo que é consecuencia lóxica do exposto anteriormente– foi a suposición de que as persoas poidan non seren xuíces competentes da súa propia situación, e deban ser forzadas, pero en calquera caso conducidas a experimentaren a necesidade de seren obxectivamente libres e a xuntar a bravura e a determinación necesarios para loitar por elo.

    14 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.