Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ruta ou variante Espiritual do Camiño Portugués

Esta ruta, que entra polo sur, estase a revelar como unha das preferidas pola súa mestura: terra/mar e pola sensibilidade e diversidade das súas paisaxes. Desvíase do Camiño Portugués na praza da Peregrina, en Pontevedra, onde toma rumbo cara o mosteiro de Poio e a Combarro. Aquí os hórreos deixan pegada non só nos móbiles dos peregrinos, que rematan os 23 km da primeira etapa no Mosteiro cisterciense da Armenteira. Os máis piadosos oirán cantar o paxaro de D. Ero, “Tan toste que acababa ouv’ o mong’ a oraçon, / oyu hũa passarinna cantar log’ en tan bon son” e durmirán unha noite de trescentos anos, da que se fala na Cantiga 103 de Afonso X, “Como Santa maria feze estar o monge trezentos anos ao canto da passarÿa”, para camiñar canda as troitas polo río Armenteira, nunha segunda etapa pola arquicoñecida “Ruta da Pedra e da Auga”.

Aceas, humidade, abeneiros e carballos nunha baixada ata Pontearnelas, onde os agarda a “Ponte dos Padriños”. Aquí terán que preguntarlle a San Google en que consistía o rito da fertilidade e, cando se dean conta, xa estarán atravesando a Pasarela de O Terrón, en Vilanova de Arousa. Nesta segunda noite durmirán horas, que non anos, mentres comezan a ruta marítima: a “Traslatio”. Este é o momento máis máxico.

E, se lles digo, que os quilómetros desta ruta non computan para a obter a “Compostela”. E, se lles digo, que esta ruta nace no 2012 da man de Tino Lores, presidente dos Amigos do Camiño Portugués, recuperador deste Camiño, un dos que máis, senón o que máis medrou nestes últimos anos. A inventio merece todo un recoñecemento, porque, ás motivacións xa recollidas de facer un desvío por dous dos mosteiros máis emblemáticos, de achegar a ría de Arousa, rememorando a “Traslatio” dos restos do Apóstolo polo Ulla, hai que aplaudir a conexión da ruta cunha das viaxes que fixo o Padre Sarmiento en 1745, co gallo de aquel ano Santo. No seu “Viaje a Galicia” este ilustrado “galego” que, segundo a pescuda do profesor José Santos Puerto, é nado en San Xoán de Cerdedo, Pontevedra, e non en Vilafranca do Bierzo, con argumentos que ben merecen unha lectura, deixou ben anotado no seu libro de viaxes todas as etapas, saíndo de Pontevedra o 19 de xullo, percorrendo todo o Salnés para chegar a Santiago o 22: “El lunes 19 de julio salí de Pontevedra a Santiago, rodeando todo el Salnés (...) Mediodía. Tres leguas. Punta y fuerte da Santa Catalina. Arenal de Caneliñas y punta Ringela...”. (Viaje a Galicia, 51 r)” e chegando a Catoira: “Me dijo un chico, que había oído que cavando allí, había poco unos labradores habían encontrado unos taríns, y una especie de vidrieras. Sin duda eran estas piedras espectaculares, y aquellas eran los denarios romanos...” (53 v)

A mancomunidade do Salnés editou no 2019 un libro ilustrado con debuxos de artistas locais sobre a Ruta do Padre Sarmiento. Todo está colgado na súa web, incluído un vídeo promocional que explica, por que está sendo a ruta preferida para peregrinos do norte de Europa, italianos e suízos. En blogs estranxeiros e foros de distintas redes sociais está a funcionar o lema que figura na web do Salnés: “a orixe de todos os camiños”.

A espiritualidade que evoca esta singradura primixenia é a que dá nome a esta variante. Procura seguir o corpo do Apóstolo chegando a Galicia, remontando desde a entrada da ría, Ulla arriba, o único vía crucis marítimo fluvial do mundo. Un total de 17 cruceiros balizan as marxes, nunha estampa maxestosa, digna dun retablo sobre o mar. Podo asegurar, como pescador da zona, que saio fotografado nas redes sociais de xente que nin coñezo, pero tamén podo afirmar que é unha das rutas que máis impresiona aos peregrinos. Cando baixan en Pontecesures e se suman ao Camiño Portugués, eles teñen algo que os demais non teñen: a salitre da Arousa na pel, as noites que duran anos, os hórreos amoreados nun ángulo da memoria, e a sensación de ter navegado nunha barca de pedra, porque en Galicia, todo é pedra!

Quen se achegue a Compostela pola variante Espiritual do Camiño Portugués gozará dun dos Camiños máis xenuíno, en canto a diversidade de paisaxe e, se ten a sensibilidade histórica necesaria, fará a catarse máis extraordinaria -entre paganismo e cristianismo- subindo pola Arousa. Para iso, recoméndolles un vídeo de animación de Jorge J. Costas, “Floreano e Monchiña”, porque a imaxinación de Floreano permítelle arengar cos normandos ou repartir retranca a todo o instituído. A mesma imaxinación que pode converternos en Bjorn, Gunrod ou Gunderedo, Olaf ou Ulf “o galego” ou en Sisnando rifando con San Rosendo. Dous bispos galegos con dúas formas moi distintas de enfrontarse aos normandos: “qui gladio operatur, gladio peribit”. (Quen que a ferro mata a ferro morre). Palabras proféticas de San Rosendo recollidas polo “Cronicón Iriense” e transmitidas no mesmo senso pola “Historia Compostelana”: “qui mihi mortifero gladio Sisnande minaris, mortifero gladio violenter confodiaris” (Ti, Sisnando, que con mortífera espada me ameazas, con mortífera espada serás traspasado). Sobre isto, unha recreación creada para o Ano Santo de 2010 e subida a Youtube, recupera o primitivo Castelo das “Torres do Oeste” de Catoira, mandado construír polo bispo Cresconio (s. XI) para poder botar dunha vez ao danés Ulf “o galego”, que levaba uns 20 anos por estas terras, como se Galicia fora a súa casa. Dinos a Historia Compostelana que para esta fortificación tróuxose, ex professo, man de obra cualificada de toda Galicia: “rustici a Triacastella usque ad oceanum mare conveniebant ad aedificandos muros castelli nomine Honesti”. (HC, II, c. 23) (Labregos desde Triacastela ata o mar océano acudían a edificar os muros do castelo, chamado do Oeste). Pois, estas torres considerábanse unha chave estratéxica, que se demostrou moi efectiva na historia: “quippe Honestum quasi quaedam clavis atque sigillum est Gallaeciae” (certamente, Oeste é como a chave e o selo de Galicia), porque “si exterae gentes hunc locum sibi praeriperent, munitione ibidem composita Gallaeciam invadere atque de populari prae manibus haberent” (se pobos estranxeiros se apoderaran deste lugar, desde alí mesmo, tomada a fortificación, terían nas súas mans atacar toda Galicia e devastala).

Xa ven vostedes os séculos de historia que andan polo mar da Arousa. O máis sorprendente é que, ás veces, saben ou queren saber máis dela os de fóra, que nós mesmos.

Só lles vou amentar as fontes da “Traslatio”: Beda o Venerable e Floro de Lyon sinalan á Hispania occidental, pero será na “Epístola do papa León” onde se ubique con máis precisión o lugar do desembarco, nas confluencias dos ríos Sar e Ulla, concretamente en Bisria, identificado por Díaz y Díaz cunha forma de etimoloxía popular relacionada con Iria. Se vostede é dos que non cre ou non valora que miles de persoas se acheguen polos mesmos escenarios onde sucederon tantos acontecementos e onde só o tempo nos separa deles, porque pisamos e navegamos a mesma terra e as mesmas augas (con permiso de Heráclito), saiba que non nos importa a súa indiferenza. Preferimos crer en sereas, elfos, orcos, ninfas, dragóns, xacias, lobishomes, biosbardos, cocas, meigas... porque Galicia sempre foi terra de crenzas, e senón, que llo pregunten a Cunqueiro. Parabéns! para estes peregrinos que se “trasladan” por esta ruta Espiritual detrás dun Apóstolo que chegou por mar; o mesmo mar onde aboian os hórreos e por onde vogaron os drakkars; botando sonos que duran séculos, mentres a pedra e a auga das aceas rosman como se foran amantes... Cando volvan de Compostela, eles si, terán moitas cousas que contar.

06 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito