Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Salgheirón, crime en grao de tentativa

    Medraron de maneira espectacular durante tres xeracións, desde 1880 até a segunda metade do século vinte. No 1941 os Massó inauguraron en Cangas do Morrazo, en O Salgueirón, a maior factoría conserveira de Europa e unha das máis grandes do mundo, coa tecnoloxía máis avanzada do momento. Do mesmo xeito que a Primeira Guerra Mundial lles reportou grandes beneficios (e a guerra civil e o réxime franquista), certos cambios internacionais a partir dos sesenta (ampliación das augas xurisdicionais a 200 millas, a crise do petróleo e a moratoria na caza de baleas) empezaron a prexudicarlles, sen que a cuarta xeración puidese, ou quixese, adoptar medidas que permitisen adaptarse e manter a actividade. Preferiron deixar morrer a conserveira -morreu co século- e dispoñerse a dar o pelotazo urbanístico.

    O xornalista Primitivo Carbajo, nun libro de recente aparición co título Salgheirón (así, con gheada), conta as orixes, o esplendor e a decadencia do imperio conserveiro dos Massó, e a súa deriva especuladora. O resultado é un relato apaixonante, no que percorre as peripecias familiares e empresariais dos Massó, orixinarios de Cataluña, como outros cataláns que se instalaron en Galicia dedicados ás salgaduras, primeiro, e as conservas despois, até chegar á parte máis trepidante: a liquidación de terreos e edificios co gran complexo industrial do Salgueirón como a xoia da coroa (proxectos de centros comerciais, hoteis, zonas residenciais de luxo, porto deportivo...), no medio de manobras nas marxes da legalidade, coa complicidade, por acción ou por omisión, de autoridades de diversos niveis (central, autonómico, local) e de case todas as cores políticas (máis da dereita, pero tamén da esquerda).

    A defensa da legalidade correu a cargo da mobilización cidadá, iniciada no 2004, cando o Concello de Cangas, a falta dun plan xeral pendente de redactar, aproba un convenio urbanístico, para pór en marcha canto antes unha operación de fráxil cobertura xurídica, e a Autoridade Portuaria de Vigo adxudica a concesión dun porto deportivo, a pesar dun contundente informe negativo da Consellería de Pesca, informe preceptivo e vinculante. Desde o primeiro momento, piquetes de veciños por terra e barcos pesqueiros por mar impediron o paso de maquinaria e materiais para as obras, soportando ameazas, represión policial, multas e denuncias, mentres presentaban recursos e máis recursos contra as resolucións administrativas que non respectaban as esixencias da lexislación (central ou autonómica) en materia de medio ambiente, ordenación urbanística e zoas marítimo-terrestres de dominio público.

    Rexeitados a maior parte dos recursos nas instancias xudiciais de Galicia, incluído o Tribunal Superior, que desestimou no 2009 o recurso da Confraría de Pescadores contra o porto deportivo, houbo que esperar ate abril do 2013, en que unha sentenza do Tribunal Supremo anulou esa concesión clave. Agora, oito anos despois desa sentenza do Supremo, non hai aínda un final claro. Ninguén fala xa da idea de converter o vello complexo industrial do Salgueirón no eixo do gran parque público que Cangas necesita (nin unha palabra na campaña das eleccións locais do 2019, nin en ningún pleno nin comisión do Concello), pero no actual proxecto de plan xeral de urbanismo contémplase a construción de vivendas no Salgueirón. Pode que ninguén se pronuncie, á espera do que diga o actual dono da cousa, Abanca, cuxa aterraxe en Galicia daría para outra historia.

    Á vista tamén do silencio cidadá, para algúns queda a sensación dunha victoria pírrica. Salvouse a ría de Vigo da agresión dos recheos dun porto deportivo que ía afectar traxicamente á súa riqueza pesqueira e marisqueira, á súa biodiversidade, pero a posíbel agresión á zoa terrestre parece que segue sendo, como di Carbajo, “un crime en grao de tentativa”.

    Xosé A. Gaciño

    26 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito